Mércores, 8 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do PP organiza mañá, xoves días 9, unha charla sobre prevención de dependencias que se levará a cabo na sede do partido a partir das 20:30 horas. O coloquio correrá a cargo da educadora social monfortina e responsable de prevención do Instituto de Drogodependencia da cidade do Cabe, Luísa Astray.
Deste modo os populares proseguen cunha serie de encontros con diversos colectivos, desde os que desenvolven unha actividade de acción social, ata reunións informativas coa cidadanía nas parroquias “para que a veciñanza nos traslade as súas inquedanza e poñernos á súa disposición”.
A voceira popular, Julia Rodríguez, precisou que “damos así continuidade a unha serie de actuacións que se iniciaron despois das eleccións autonómicas” e sinalou que “nese marco, ademais das reunións informativas que mantemos na sede os xoves alternos, tamén queremos poñer a disposición dos nosos afiliados e simpatizantes actividades que sexan de interese e estean de actualidade”.
Así, dende o PP precisaron que coloquio que se celebrará mañá versará sobre a prevención no ámbito das dependencias de todo tipo e tamén das tics. “Parécenos moi importante informar sobre este asunto porque é algo que nos pode afectar a todos”, sinalaron os populares, que quixeron agradecer a colaboración neste acto da profesional monfortina, Luísa Astray.
A vindeira charla, sobre as cláusulas solo
A voceira popular, Julia Rodríguez, avanzou ademais que a vindeira charla-coloquio, con hora e data aínda por concretar, versará sobre o tema das cláusulas solo hipotecarias. “Deste xeito alternamos a nosa actividade política con actuacións de interese e actualidade para todos os afiliados e veciños en xeral”, indicou a voceira.