Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria pídelle á alcaldesa que convoque aos afectados pola paralización das obras da Ponte Ribeira antes do día 20 de febreiro

Sarria, 7 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria vén de manter un encontro cos veciños e donos dos negocios e empresas afectadas pola paralización das obras na Ponte Ribeira cos que acordou pedir que a alcaldesa convoque a todos os afectados a unha reunión no salón de Plenos antes do día 20 de febreiro, data prevista para as comisión informativas anteriores á sesión plenaria deste mes.

 

Na xuntanza de onte os populares explicáronlles aos veciños e afectados que “a única responsable” de que a actuación non se está a acometer, unha vez que existe o financiamento, é a rexedora ao non querer anular o plan do casco histórico que posibilitaría o comezo das obras.

 

Os veciños e afectados amosaron o seu “máis enérxico enfado” polos danos e prexuízos que esta decisión a rexedora lles está a supor, polo que demandan a convocatoria dunha reunión, na que tamén participe o PP, para emprazar ao Goberno local a cumprir os acordos do Pleno “de forma inmediata” e que poida seguir a obra que xa leva dous anos paralizada, primeiro por orde xudicial e agora pola incapacidade da alcaldesa, quen decidiu manter Sarria partida en dous.

 

De non convocarse a xuntanza, o Grupo Municipal do PP non descarta apoiar aos veciños e veciñas noutro tipo de accións.

 

Unha actuación paralizada desde 2014

Os populares fixeron un repaso “con toda a documentación na man” para explicar o proceso que viviu a obra que actualmente segue paralizada. Así, lembraron que existe un auto xudicial do Xulgado de Instrución de Sarria do 17 de outubro de 2014 que paralizou as obras pola denuncia dun veciño en representación da Plataforma Sarriana polo Río. A denuncia acusaba á Confederación Hidrográfica dun delito contra o patrimonio histórico que o Xulgado de Instrución arquiva en xaneiro de 2016.

 

Pese ao arquivo, o denunciante recorre o auto xudicial e o 25 de maio de 2016 a sala do penal da Audiencia Provincial de Lugo desestima de novo confirmando a sentenza do Xulgado de Sarria. Esta paralización xudicial de máis dun ano e medio leva consigo a perda dun millón de euros para Sarria procedentes do financiamento europeo destinado á obra do encanamento.

 

Desde o 25 de maio de 2016 ata hoxe, e pese a existir un desbloqueo xudicial, o PP denuncia que non hai avance algún para retomar as obras por parte do Concello de Sarria. Así, en xullo de 2016 a Confederación Hidrográfica paraliza a tramitación do convenio para executar as obras como resposta á decisión do Goberno local de aprobar en novembro de 2015 en Xunta de Goberno o Plan do casco histórico, o que imposibilita as obras na ponte, tal e como recollen os informes da Avogacía do Estado.

 

Ante o bloqueo que impón o Goberno local, o PP presenta en agosto de 2016 unha moción para pedirlle financiamento á Deputación de Lugo para acometer as obras, unha iniciativa que se aproba en Sarria e que logo se traslada, tamén a proposta do Grupo Provincial do PP, ao Pleno da institución Provincial. Os 150.000 euros que se obteñen para confinanciar as obras súmanse ao orzamento co que conta a Confederación Hidrográfica, 316.000 euros.

 

O convenio, pendente do Concello

As xestións feitas polo PP favorecen o financiamento das obras, de maneira que só quedaría que o Concello resolvese o problema do casco histórico coa súa anulación e así firmar o convenio coa Confederación Hidrográfica que xa conta cos informes favorables de Patrimonio e Medio Ambiente da Xunta.

 

Con este obxectivo no mes de outubro de 2016 o Grupo Municipal do PP presenta unha moción para estimar a anulación inicial do plan do casco histórico como o único atranco para seguir coas obras. Pese a aprobarse, o Goberno local desatende o mandato da Corporación. Así, hai xa case cinco meses que a alcaldesa se nega a cumprir o acordo do Pleno o que mantén a obra da Ponte Ribeira empantanada e uns debates xurídicos e técnicos contra a Confederación Hidrográfica que “en ningún caso” resolven o problema.

 

A pasada semana os voceiros municipais en Sarria mantiveron unha reunión co presidente da Confederación Hidrográfica na que, a preguntas do portavoz do PP, recoñeceu e manifestou que se o Concello anula a aprobación inicial do Plan do casco histórico “de maneira automática se pode tramitar o convenio e comezar as obras”. Así se lle trasladou onte aso veciños e afectados na reunión mantida no Hotel Alfonso IX na que se lles dixo que “se a alcaldesa cumprira a obra estaría xa en marcha”.