Partido Popular de Lugo

ETHEL VÁZQUEZ ANUNCIA QUE NOS VINDEIROS DÍAS SE LICITARÁ O CONTRATO PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO CONSTRUTIVO DA PRIMEIRA FASE DA VAP NADELA-SARRIA, ENTRE OS ENLACES DA POBRA DE SAN XIAO E SARRIA

Santiago, 7 de febreiro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que, nos vindeiros días, se licitará o contrato para a redacción do proxecto construtivo da primeira fase da VAP Nadela-Sarria, entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria, para a conversión desta vía de altas prestacións nunha autovía.

 

Así mesmo, na área da Coruña, estase a potenciar a continuación da Vía Ártabra e a súa conexión coa AP-9 e mañá iniciarase o proceso de información pública do proxecto construtivo no seu treito entre a N-VI e a AP-9, contemplado como unha vía sen peaxe. Así mesmo, Vázquez concretou que nas vindeiras semanas tamén se licitará o contrato para a redacción do proxecto construtivo que dará continuidade á autovía da Costa da Morte, comezando por unha primeira fase, entre Baio e a AC-432, en dirección a Camariñas.

 

Outra das liñas prioritarias da Axencia Galega de Infraestruturas é a de dotar aos cidadáns de vías máis cómodas e seguras, para o que a Xunta puxo en marcha o Plan de Reforzos de Firme, que disporá dunha partida de 15,5 millóns no 2017 para seguir coa mellora noutros preto de 700 km de vías autonómicas. 

 

A vindeira semana comezaranse a licitar os primeiros proxectos do Plan, tres melloras, dúas delas en estradas da provincia da Coruña e unha na provincia de Pontevedra, por importe de 2,3 millóns. A conselleira precisou que despois de ter cumprido, na pasada lexislatura, o obxectivo de que o 80% da poboación galega estea a menos de 15 minutos dunha vía de alta capacidade, toca continuar desenvolvendo novos eixes que completen o mapa de comunicacións e melloren a estrutura territorial doutras comarcas galegas.

 

A autovía do Morrazo continúa a ser un destes eixos que a Xunta está a impulsar cun investimento global de 55 millóns, sendo a infraestrutura que conta con maior dotación orzamentaria en 2017, con 22 millóns. Esta infraestrutura, esencial para o reforzo da seguridade viaria e a mellora da mobilidade dos veciños desta comarca, terá este ano en plena execución a totalidade das obras.

 

Plan de Sendas

Na liña de promover a mobilidade sostible, o Goberno galego proseguirá co desenvolvemento do Plan de Sendas de Galicia, que contará este ano cun investimento de máis de 10,5 millóns de euros, que permitirán dar un importante pulo á execución das obras planificadas. 

 

A primeira fase comprende a construción de 55 sendas en sete comarcas galegas: Vigo, O Salnés, Santiago, A Coruña, Bergantiños, Ferrol e Terra Cha. Nestes momentos iniciouse a tramitación para a execución de obras en 39 quilómetros de sendas e están licitados ou en obras 23 quilómetros, por un importe de 9,2 millóns.

 

A Consellería de Infraestruturas xa está traballando na segunda fase do plan, que suma 40 novos itinerarios, 45 quilómetros, nas comarcas de Lugo, Ourense, O Morrazo e Pontevedra. Este ano estarán en redacción todos os proxectos construtivos correspondentes a esta segunda fase do Plan de Sendas.

 

Así mesmo, o Executivo autonómico, coa vista posta na celebración do Ano Xacobeo, no ano 2021, realizará unha mellora da integración paisaxística dos Camiños de Santiago á súa entrada na cidade de Compostela mediante o investimento de 4,2 millóns de euros.

 

Este ano e en consonancia co Concello de Santiago, procederase á redacción dos proxectos, o que permitirá acondicionar, antes do Ano Xubilar, certos puntos estratéxicos das entradas en Compostela dos Camiños Francés, Inglés e Portugués.

 

A folla de ruta da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para esta lexislatura terá un acento máis social ca nunca, potenciando o rural e levarase a cabo a ordenación do transporte público da Comunidade, coa incorporación de servizos á demanda que primen a cobertura no rural e permitan levar o autobús, microbús ou o taxi alí onde e cando sexa preciso.