Partido Popular de Lugo

Elena Candia felicita a Francisco Conde polo premio ao proxecto de Rozas; “unha iniciativa que demostra a aposta da Xunta por Lugo e que sitúa á nosa provincia na vangarda da innovación tecnolóxica europea”

LUGO, 6 de febreiro de 2017.- A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, felicita ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Fransciso Conde, polo Premio Nacional de Innovación e Deseño 2016 outorgado pola Secretaría de Estado de I+D+I á Axencia Galega de Innovación (Gain), polo proxecto de avións non tripulados que se está a desenvolver no aeródromo de Rozas. Trátase, segundo indica a dirixente popular, “dun recoñecemento á firme aposta que está a facer a Xunta de Galicia polo emprego, a través de firmas con perfís de I+D que obteñen produtos novedosos nos mercados e aumentan a demanda de persoal cualificado”.

 

Para Elena Candia “é extraordinariamente importante” que este proxecto reciba dita distinción, xa que supón “un impulso para Castro de Rei, e contribúe á supervivencia e ao crecemento da economía lucense. “As administracións deben de xerar empregos non só en cantidade, senón tamén en calidade, e este proxecto é unha aposta por un Lugo innovador e unha provincia de oportunidades. Grazas a un Goberno responsable, a Xunta será quen de dar un valor engadido á nosa provincia e á súa economía, e situará a Lugo na vangarda da innovación tecnolóxica europea”.

 

Con Feijóo a Lugo ábreselle unha porta de futuro”

Deste xeito, a máxima mandataria do PP considera que “temos un Executivo na Xunta que sabe o que quere e a onde quere ir. E, nesta folla de ruta, Lugo e os lucenses ocupamos un lugar privilexiado. Con Feijóo, a Lugo ábreselle unha porta de futuro, pois este proxecto é, sen lugar a dúbidas, o máis importante que se fixo aquí nas últimas décadas. Por iso, quero agradecer, novamente, ao presidente e ao seu Goberno a intensa colaboración e implicación que está a demostrar nos últimos días cos lugueses”, conclúe.