Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria lanza unha mensaxe de tranquilidade e asegura que os servizos ferroviarios non se verán menoscabados

Sarria, 3 de febreiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria lanza unha mensaxe de tranquilidade ante a convocatoria por parte dun partido político sen representación na localidade dunha manifestación para mañá sábado en relación co tren. Os populares aseguran que os servizo ferroviarios non se van ver menoscabados, “nin a curto nin a medio prazo”.

 

Avanzan ademais que o PP a nivel nacional, en concreto a través do voceiro no Senado, o lucense José Manuel Barreiro, está a manter reunións coas entidades públicas implicadas para aclarar cal é a postura de Renfe e Adif con respecto ao futuro das estacións ferroviarias a nivel estatal.

 

No marco destes encontros, José Manuel Barreiro manterá unha reunión a vindeira semana en Madrid co presidente do administrador de infraestruturas ferroviarias, Adif, Juan Bravo Rivera, co que tamén abordará a situación da estación de Sarria.

 

Os populares son coñecedores da existencia dun estudo para modernizar e automatizar as estacións mediante sistemas de expedición automáticos que avanzan nunha mellora tecnolóxica e de eficiencia do servizo. Trátase dunha medida cuxa implantación se está a estudar a nivel estatal.

 

Desde o PP estarán pendentes desa reunión que José Manuel Barreiro vai manter en Madrid, trasladando unha absoluta tranquilidade, “posto que sabemos que non hai intención de facer ningún recorte no servizo que se vén prestando”. Avanzan ademais que manterán contactos e se interesarán polas xestión que se estean a levar a cabo desde a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

 

Neste sentido, elevarán tamén unha iniciativa ao Pleno do Concello en apoio ao mantemento dos servizos ferroviarios que se veñen prestando e a súa continua mellora.

 

A alcaldesa, incapaz de facer nada

En relación coa manifestación prevista para mañá sábado, desde o PP respectan a convocatoria, aínda que advirten que se fai en clave política e lamentan que a alcaldesa en lugar de facer xestións para coñecer o estado da situación “se sume á pancarta” e o resolva dicindo que mandará unha carta, o máximo esforzo que leva facendo nestes meses de Goberno.

 

“Foi incapaz de dar explicacións no pasado Pleno, cando se lle preguntou por este asunto e a única decisión que tomou foi a de pórse para a foto detrás da pancarta”, censuran. “De novo terá que ser o PP coas súas xestións e o seu traballo o que substitúa a súa deficiente xestión á fronte do Concello”.

 

Aos populares non lles parece que a forma de defender os intereses de Sarria sexa agarrarse á pancarta, mentres non se fai unha soa xestión con aqueles que teñen a responsabilidade, neste caso Adif e Renfe. “Ten que empezar a facer un tratamento serio e que implique traballo para defender os intereses de Sarria, eses que ten abandonados”, conclúen.