Lugo, 3 de febreiro de 2017.- O Grupo Provincial do PP amosa a súa satisfacción ao coñecer a sentenza que avala o acordo do Consello de Administración aprobado en xullo de 2016 da Sociedade Urbanística Suplusa a propostas dos populares. Así, explican que os pasos dados polo PP “buscan exclusivamente desbloquear a apertura das residencias na provincia, polo que seguiremos traballando e defendendo a legalidade dos acordos para a posta en servizo dos centros para os nosos maiores”.
O PP recorda que os conselleiros do PSOE de Suplusa non só denunciaron o acordo do Consello de Administración, senón que posteriormente ampliaron a demanda para impugnar tamén o acordo da xunta xeral.
A voceira dos populares, Elena Candia, explica que o PP propuxo o cambio nos estatutos de Suplusa, xa en marzo de 2016, para desbloquear unha situación “que considerabamos insostible” e poder avanzar na apertura das residencias, o que só é posible se a sociedade incorpora a súa función como prestadora de servizos sociais. A sentencia expón de forma clara que co cambio nos estatutos “no se discute que se haya vulnerado ninguna ley ni regla de funcionamiento en la adopción de ese acuerdo del consejo”, polo que desestima integramente a demanda interposta polo PSOE.
A popular precisa que desde o ano 2010 “vimos escoitando promesas incumpridas, un engano ao que o presidente Darío Campos lle quixo dar continuidade desde o mes de xullo, pero agora que moitos dos edificios están rematados é cando hai que seguir dando pasos e poñelas en marcha, sen máis escusas nin máis demora”, apunta.
Campos, García e Rodríguez pagarán as costas
Elena Candia lamenta que unha vez que as residencias estaban listas e podían arrancar decidiron paralo con un procedemento xudicial “que hoxe nos dá a razón” e que os obriga a pagar as costas causadas. En concreto, terán que facer fronte a esta sentenza tres deputados do PSOE, Darío Campos, Pilar García Porto e Lino Rodríguez, tal e como fixa a sentenza, de maneira que non se incorre en gastos para a Sociedade.
Elena Candia destaca que o PP de novo se ofrece como un partido que ofrece solucións ante un Goberno en minoría, enfrontado, sen proxectos e cunha actitude que é a de torpedear e non resolver os problemas dos veciños e veciñas desta provincia.
A voceira do PP censura que á institución que dirixe o PSOE só lle interesen as residencias cando poden empregalas como arma de batalla contra a Xunta, pero non lles preocupan cando teñen que tomar decisións para poñelas en marcha. “Era imprescindible facer unha modificación nos estatutos para xestionar as residencias e avanzar na súa apertura e o único que fixeron foi tratar de impedilo”, resume.
Os populares recordan ademais que o PSOE xa fixo en 2015 a selección do persoal, en plena época electoral, polo que só lles queda poñerse a traballar e non seguir entorpecendo a prestación de servizos aos concellos da provincia.
“O que nos guiou en todo este proceso, destaca Candia, é defender de xeito inequívoco esa aprobación para que Suplusa poida cumprir coa súa función de prestadora de servizos sociais, o que traerá consigo favorecer e non seguir dilatando no tempo a apertura das residencias na nosa provincia. Un obxectivo que debera ser común para todos”, conclúe.