LUGO, 2 de febreiro de 2017.- O Partido Popular de Lugo gañou 212 afiliados dende marzo de 2016; o que supuxo un rexistro de máis dun asociado por día. Estes datos foron dados a coñecer na reunión que a Xunta Directiva Provincial mantivo na tarde de hoxe, e que estivo presidida por Elena Candia.
Diante este importante incremento na afiliación, a dirixente política puxo en valor esta circunstancia pois, “con moderación e humildade, é unha satisfacción constatar que o noso Partido segue medrando”. Por iso, engadiu, “seguiremos traballando polo Partido e polos veciños desta provincia”. Deste xeito, para a presidenta do PP, este aumento na afiliación “non é froito da casualidade, é o resultado do traballo en equipo e de mellorar o mellorable, grazas á aportación de todos”.
Máis encontros coa cidadanía
Unha vez feita esta reflexión e logo de avaliar o traballo desenvolvido nos últimos meses, e materializado en reunións con distintas entidades da provincia e na organización de encontros como o I Congreso Provincial de Educación ou o foro de autónomos, celebrados o pasado mes, a dirixente política subliñou que “continuaremos na mesma senda”. Deste xeito, anunciou que, dende a área de Política Social, que coordina a presidenta de Down Lugo, María José Blanco, “estamos a traballar en dúas novas frontes”. Concretamente, o día 11 de marzo, co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora, celebrarase un foro sobre o papel da muller no rural, no seminario de Mondoñedo.
Asemade, “e dentro do obxectivo que perseguimos de achegar o Partido á cidadanía”, o 20 de maio, desenvolverase outra iniciativa semellante en Lugo. Este versará sobre discapacidade, dependencia e igualdade, e terá lugar no Hotel Méndez Núñez.
Na xuntanza, presidida por Elena Candia, participaron, ademais dos integrantes da Xunta Directiva Provincial, alcaldes, voceiros e deputados provinciais e autonómicos, así como o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, ambos os dous membros deste órgano directivo.