Lugo, 31 de xaneiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular consegue que a Deputación de Lugo se comprometa coa posta en funcionamento das piscinas climatizadas que financiou nos concellos de Monterroso e da Pastoriza. Os populares conseguiron sacar adiante por unanimidade unha moción na que solicitaban que a institución lucense adopte, “de maneira inmediata e urxente”, as medidas necesarias para solucionar os problemas existentes que motivan a non apertura ao público destas instalacións deportivas.
Os populares celebran que estes centros deportivos “se vaian poñer en marcha dunha vez por todas”. A voceira dos populares, Elena Candia, explicou que “levamos este asunto ao pleno xa que consideramos que estamos ante unha situación dunha gravidade considerable” xa que estes proxectos supuxeron un forte investimento público de todos os lucenses e “non estaban a prestar un servizo aos nosos veciños, mentres as instalacións se están a deteriorar sen abrir as súas portas”, engadiu.
“Cada día que están pechadas os desperfectos van en aumento e temos a obriga e responsabilidade de poñer en marcha o que no seu día se iniciou”, engadiu Candia.
3,3 millóns investidos nas piscinas, adxudicadas fai 7 anos
A construción da piscina climatiza da Pastoriza implicou unha achega da Deputación de Lugo superior aos 1,5 millóns de euros; mentres que á obra deportiva acometida en Monterroso destinouse máis de 1,8 millóns euros. Candia matizou que “estamos a falar de máis de 3,3 millóns de euros que urximos que teñan unha repercusión directa nos veciños e que os lucenses se podan beneficiar desta inversión”. “É totalmente censurable a imaxe que, por exemplo, nos ofrece a infraestrutura da Pastoriza, cos vasos da piscina cheos de auga con musgo ou da de Monterroso totalmente baleiros e cheos de sucidade”.
A voceira recordou que as adxudicacións para a construción das piscinas da Pastoriza e de Monterroso datan do ano 2009 e do 2010, respectivamente, mentres que os prazos de execución eran de nove e seis meses. Por este motivo, os populares criticaron que “estamos ante obras que comezaron fai sete anos e que a día de hoxe están pechadas”. Unha situación, engadiron, “que non se pode permitir nas administracións públicas, que temos a responsabilidade de xestionar eficientemente os fondos de todos os lucenses, dándolles resposta ás súas demandas”.
‘Proxectos estrela’ da Deputación, inutilizados
Elena Candia lamentou tamén que, pese a levar un ano e tres meses no Goberno, Darío Campos non teña feito absolutamente nada para lograr a apertura destas dúas piscinas e pídenlle que de novo non se escuse dicindo que é un problema herdado do seu antecesor, Gómez Besteiro. “Nin un nin o outro deron nin dan respostas ás necesidades dos veciños”. Candia criticou que “se presenten o que venden como ‘proxectos estrelas’, como o centro de recría Gayoso Castro ou as residencias, que sumados ás piscinas supuxeron un investimento de preto de 30 millóns de euros, que non se están a rendabilizar, con inmobles infrautilizados e que non cumpren nos seus obxectivos”, incidiu.
O PP vixiará que o compromiso da Deputación se cumpra
Candia lembrou que dende o PP levan “anos alertando desta situación e solicitando a corrección dos problemas existentes” e lamentou “a falta de compromiso e de preocupación dos gobernos socialistas que estiveron motivando durante anos esta parálise inexplicable e que agora, grazas a unha iniciativa do Grupo Provincial Popular, agardamos que se vexa solucionada”, indicou a voceira. “Pedímoslle ao presidente que clarifique prazos e que se comprometa cos veciños de Monterroso e A Pastoriza en darlle unha solución a esta problemática coa maior claridade e transparencia posible”, apuntou. “Agardamos que este compromiso adquirido hoxe publicamente pola Deputación se faga realidade”, concluíu a voceira, quen sinalou que dende o Grupo Provincial Popular estarán vixiantes para que así sexa.