Lugo, 31 de xaneiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular votou a favor da moción do PSOE relativa á posta en funcionamento do porto seco de Monforte ao consideralo “un proxecto fundamental para Monforte e para a provincia”.
Os populares recordaron que dende o PP “estivemos sempre pola labor de impulsar esta plataforma e traballarase para que esta infraestrutura se poña en marcha canto antes”. O deputado Carlos Armesto salientou que “votamos a favor porque entendemos que Monforte o necesita e a provincia o necesita”.
O popular criticou que se empregue este proxecto tan importante para a provincia con “fins partidistas”. Ademais lamentou que o informe que se lle encargou a Eixo Atlántico “parecía feito a medida”, e engadiu que “non o imos a cuestionar, pero resulta curioso que o autor sexa o ex presidente socialista da Xunta, Fernando González Laxe”.
Lamentou tamén que á presentación do informe “só acudisen alcaldes do PSOE, resulta curioso que acudise a alcaldesa socialista de Sarria e non alcaldes populares máis achegados da comarca de Lemos que non foron convidados”.
Armesto recordou ademais que este proxecto naceu no ano 2001 da man dun alcalde popular, Nazario Pin, e salientou tamén que “se hai unha administración cuxo compromiso co porto seco ninguén pode poñer en dúbida é a Xunta de Galicia, que investiu máis de 13 millóns de euros nos traballos técnicos e na propia urbanización do porto seco”. Foi a Xunta a que financiou a construción dos accesos á LU-933 cun orzamento de 5,3 millóns e comprometeuse a financiar o 50% da depuradora pese a ser unha competencia exclusivamente municipal.
De feito, foi un conselleiro de Medio Ambiente do PP, Agustín Hernández, o que iniciaba a licitación das obras de urbanización do porto seco, “unha inversión fundamental para converter esta plataforma loxística nunha realidade”, engadiu.
A Xunta leva investido máis de 20 millóns de euros
En resumo, o actual Goberno da Xunta leva executado un presuposto de máis de 20 millóns de euros no porto seco de Monforte”, salientou o deputado. Ademais, puntualizou que a administración autonómica está na actualidade impulsando os accesos ao porto seco xunto con Fomento.
“Entendemos que a promoción que precisa esta plataforma ten que estar dirixido dende organismos especializados. A Xunta dispón destes organismos, entendemos que a mellor plataforma é a sociedade pública Xestur Lugo en colaboración con outros organismos da comunidade dando a coñecer en todos os foros galegos, nacionais e internacionais este porto seco co obxecto de captar os investimentos necesarios “labor que xa se está a desempeñar”. O deputado explicou que o PP fixo sempre todo o posible para impulsar esta plataforma desde os Gobernos nos que tivo responsabilidade e preguntouse se pode o PSOE dicir o mesmo.