Lugo, 31 de xaneiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular censura que a Deputación de Lugo sexa a peor pagadora de todo o territorio español como así demostran os datos do informe do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de novembro de 2016 que veñen de facerse públicos.
A voceira do PP, Elena Candia, explicou en declaracións aos medios antes do inicio do Pleno de hoxe que “aínda non houbo comisións informativas e estamos cun goberno sen proxecto, sen orzamentos e que puidemos comprobar este fin de semana como batemos o récord e nos situamos como a Deputación peor pagadora de España”.
“Este é o balance que podemos facer, moi descontentos da acción de Goberno e con esa situación inexplicable de que non entendemos cal é a razón pola que non se traen uns orzamentos”, engade.
Un Goberno que non fai o seu traballo
A voceira explicou que a oposición fixo o seu traballo. “Puxemos enriba da mesa as nosas propostas, pero en fronte non temos nada, por ter nin temos os datos do remanente de tesourería a pesar de pedilos xa hai dous plenos. Por un lado ou se nos oculta algo grave ou se descoñece, o que parece aínda máis grave”, incide.
Candia destaca que o dato desta fin de semana “é o suficientemente grave e evidencia e existencia dun mal goberno ou dun desgoberno”. Por iso, desde o PP pídenlle ao presidente “que rectifique e que traballe e se apoie nunha oposición responsable que a pesar desa sen razón está intentando tirar cara adiante”.
Desde o PP consideran que os debates que o Goberno provincial presentou para o Pleno “están máis que superados, mentres que é a oposición a que pon os asuntos importantes sobre a mesa”.
“Lugo non merece este Goberno e creo que debemos entre todos esixirlle explicacións e traballo e que pase por cumprir a súa palabra que leva dende outubro dicindo que no próximo mes, se non é nun pleno extraordinario no ordinario traerá os orzamentos. Non foi en outubro, novembro, decembro nin en xaneiro”, lamenta.
“Os orzamentos son un mecanismo imprescindible desta institución e dado que chegaron ao Goberno como chegaron, hoxe máis que nunca podemos censurar esta desgoberno e só nos queda ofrecer a nosa axuda para sacar á institución desta sen razón. Hai moito tempo que a imaxe desta institución non estivo tan deteriorada por un presidente que tan pouco traballa que ata fai bo a Besteiro”, concluíu.