Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular lamenta a negativa do PSOE e BNG a implicárense na posta en marcha dun plan de choque ante o declive de nacementos na provincia

Lugo, 31 de xaneiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta a negativa dos grupos do PSOE e do BNG a que a Deputación de Lugo active iniciativas que contribúan a facerlle fronte ao declive de nacementos que está a sufrir a provincia. En concreto, os populares censuran que os socialistas e nacionalistas se opuxeran a unha iniciativa, que o PP levou ao pleno de hoxe, que “buscaba sumar e tender a man para reverter o elevado índice de envellecemento e o saldo negativo que reflicte a provincia”.

 

Pese ao voto en contra do PSOE e do BNG á moción, os populares conseguiron, co apoio do deputado non adscrito, acadar o apoio do Pleno e obrigar, deste xeito, ao Goberno provincial a que active un plan de fomento da natalidade. “Lamentamos que o executivo lucense opte pola postura do non é non, sen máis, e agora agardamos que cumpran co mandato plenario”, din.

 

Os populares consideran “fundamental” que a Deputación contribúa desde as súas posibilidades para reverter esta situación, ao igual que veñen facendo outras institucións. “Debemos implicarnos neste esforzo a través de iniciativas que sirvan de base para que Lugo sexa unha das provincias onde maiores facilidades teñan as familias para ser pais e nais”, precisan os populares.

 

A moción que sacou adiante o Grupo Popular abarca a posta en marcha dun plan provincial de fomento da natalidade, que inclúa entre outras, dúas liñas de actuación, unha de axudas directas ás familias e outra de colaboración cos concellos.

 

Por último, os populares tamén quixeron poñer en valor o traballo que se está a desenvolver dende a Xunta para atallar este acusado problema demográfico. Así, por exemplo, no ano 2017 crecerá un 11% o orzamento destinado a familia e infancia.