LUGO, 31 de xaneiro de 2017.- A presidenta do Partido Popular e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, amosa a súa satisfacción polo anuncio realizado no día de hoxe por parte do Ministerio de Fomento, e que inclúe a licitación dos sistemas de antéboa na A-8 este verán. “Creo que se trata dunha nova positiva, pois son medidas necesarias que todos os veciños da Mariña, entre os que, por suposto, me inclúo, e os usuarios desta Autovía estabamos agardando”. Por iso, agradece “a decisión do Goberno Central e a súa implicación no que é un tema difícil, pero que cómpre solucionar”. Neste senso, agarda que “esta sexa unha resolución definitiva ao problema”.
“Quero recoñecer a colaboración do Goberno Central neste eido, pois esta é unha situación que ao Partido Popular lle vén herdada. Como mariñana e alcaldesa dun dos concellos implicados teño a esperanza que contribúa a paliar os múltiples trastornos que causa a densa néboa, sen esquecer que esta é unha das principais arterias de comunicación da Mariña, que permite que esteamos comunicados con Asturias e co resto de Galicia”, subliña.
Asemade, a máxima dirixente do PP na provincia destaca que o Ministerio optase pola instalación de tecnoloxía innovadora, xa que, a súa implementación, asegura, “contribuirá a solucionar os problemas que padece este treito da forma máis precisa posible e así que a N-634 tamén permaneza nas mellores condicións posibles”.
“Cumprimento da palabra dada”
A decisión de dotar cun sistema antinéboa á Autovía do Cantábrico permitirá poñer fin a unha reclamación dos concellos por onde discorre o trazado, pois a aparición deste fenómeno climatolóxico fai que, a cotío, sexa preciso empregar itinerarios alternativos. Asemade, este anuncio supón “un claro cumprimento da palabra dada” polo subdelegado do Goberno en Lugo no pasado mes de outubro. Concretamente, Ramón Carballo, nunha visita realizada á zona nesas datas, xa anunciara que o Ministerio tiña previsto a instalación durante o verán de 2017 dos prototipos deseñados para tratar de solventar estes cortes na A-8, concretamente, no treito entre Modoñedo e Abadín.