RIBADEO, 27 de xaneiro de 2017.- O Partido Popular de Ribadeo, en resposta á demanda dos veciños da localidade, decidiu apoiar no Pleno que vén de celebrar a Corporación municipal, a aprobación da modificación de crédito presentada polo Goberno local para que a residencia da terceira idade “sexa unha realidade canto antes”. Neste senso, o voceiro de Grupo, Jesús López Penabad, considera que “demostramos ter altura de miras, poñendo por diante os intereses dos veciños. Ribadeo precisa canto antes esta infraestrutura, polo que agardamos que, con esta modificación, o alcalde e o seu equipo cumpran o compromiso de rematala. Dende logo, os ribadenses necesitámolo e así llo trasladamos ao Goberno en Pleno”, afirma.
Novas taxas, “impostos encubertos”
Por outra banda, os populares manifestaron o seu rexeitamento á proposta do rexedor que incluía a aplicación de novas taxas ás empresas, en función da superficie que teña a obra a executar. O voto en contra deste Grupo, explica López Penabad, débese a que “encubre unha nova suba de impostos e, ademais, coarta a liberdade profesional de quen faga o proxecto das actuacións que se fagan no municipio”. A este respecto, defende que “non nos parece xusto, pois isto pode levar a que os presupostos que se presenten non sexan obxectivos. Consideramos que se deben de aplicar uns mínimos, pero non isto, pois estamos diante dun novo imposto encuberto”, subliña.
Mellora de viais
Asemade, os populares apoiaron a proposta que incluía pedir á Deputación o arranxo de varios viais, que son da súa titularidade, con cargo ao Orzamento de 2017. Esta iniciativa foi aprobada por unanimidade e afecta aos enlaces que comunican as localidades de Arante, Santalla de Vilaousede, Cousela e á entrada de Ribadeo que pasa sobre a vía do FEVE. Neste último caso, destacan que é unha ponte moi estreita, que non ten accesos, nin mobiliario urbano e precisa un arraxo con prontitude.
En materia de infraestruturas, tamén pediron ao Goberno local o arranxo do pavillón municipal, pois, segundo asegura o voceiro do Partido Popular, presenta “serias deficiencias”, ademais de problemas “de extrema gravidade” na climatización. Tal é así, que “nos catro vestiarios que hai, tan só funciona o subministro de auga quente nun”.
“Sen representación socialista”
Noutra orde de asuntos, os populares queren manifestar a “máis absoluta sorpresa” pola actuación do grupo socialista. E é que, no punto da orde do día que incluía a renuncia de varios edís desta formación política, a propia voceira “estivo ausente”, quedando este Grupo “sen representación no concello”. “Certamente, isto é unha irresponsabilidade. Custa entender este proceder porque se non están presentes no Pleno, tamén están abandonando aos veciños que os votaron”, critica López Penabad.