Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP de Monterroso urxe á Deputación a darlle solución á problemática que mantén a piscina climatizada “pechada a cal e canto”

Monterroso, 26 de xaneiro de 2017.- O Grupo Municipal do PP de Monterroso urxe á Deputación a darlle solución á problemática que mantén a piscina climatizada “pechada a cal e canto”, unha petición que intentarán que tamén se traslade desde o propio Concello, presentando unha iniciativa similar no próximo pleno da Corporación local.

 

Así, os populares agradecen a boa disposición do Grupo Provincial do Partido Popular, quen vén de demandarlle á Deputación de Lugo que posibilite a posta en funcionamento da piscina climatizada que financiou en Monterroso. En concreto, os populares rexistraron unha iniciativa a través da que o Grupo do PP solicita que a institución pública lucense adopte, de maneira inmediata e urxente, as medidas necesarias para solucionar os problemas existentes que motivan a non apertura ao público destas instalacións deportivas.

 

A voceira do PP explica que as instalacións se están a deteriorar de xeito significativo mentres o Goberno provincial e o municipal non teñen feito unha soa xestión para pórlle remedio.

 

A popular recorda que a construción da piscina climatiza de Monterroso implicou unha achega da Deputación de Lugo superior aos 1,8 millóns de euros, que a súa adxudicación se fixo no ano 2010 e fixaba un prazo de execución de seis meses, polo que a súa apertura leva un retraso de seis anos.

 

Desde o PP critican ademais a imaxe que as instalacións ofrecen cos vasos baleiros e sucios, polo que agardan que Deputación e Goberno local poñan fin a esta situación de xeito inmediato para que os veciños e veciñas poidan por fin darlles uso.