LUGO, 26 de xaneiro de 2017.- A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, puxo en valor no “Foro Emprende”, organizado por esta formación política, e dirixido aos autónomos lucenses, o apoio decidido que está a realizar Xunta de Galicia para potenciar o autoemprego e o desenvolvemento e consolidación deste colectivo da provincia. Proba delo, expuxo, é que en 2016, o Goberno galego destinou a este colectivo, que suma 35.846 membros, máis de 2,3 millóns de euros. Desta cantidade, os emprendedores recibiron preto de 1,5 milllóns, 510.000 euros foron concedidos en axudas directas e 342.000 a través de préstamos e avais do IGAPE.
Este esforzo inversor demostra, segundo indicou a máxima dirixente desta formación política, que para o Executivo de Feijóo este colectivo, que representa o 30% do total de Galicia, “é unha prioridade”. “Cremos que non hai mellor política laboral que o impulso a aqueles que o crean. É misión da administración insistir na liña non de solucionarlles a vida, senón de crearlles o marco axeitado para que sexan os protagonistas das súas propias solucións”, afirmou.
Deste xeito, destacou que “o fomento do autoemprego é, por tanto, unha política indiscutible. E creo que a Xunta de Galicia está dando boa mostra delo, facendo unha aposta clara e decidida por impulsar o sector. Os autónomos sodes como unha mega empresa que se debe de ter en conta para tirar da economía e do PIB da rexión. Basta con lembrar que Galicia é a Comunidade Autónoma na que este tipo de emprego ten un maior peso relativo, pois 1 de cada 4 traballadores galegos está inscrito neste réxime ou desenvolve a súa actividade por conta propia”, apuntou.
Aumento das achegas en 2017
Na mesma liña, as xefas territoriais do servizo de Emprego e Economía Social e da consellería de Economía, Emprego e Industria, Rocío Rebolo Serén e Pilar Fernández López, respectivamente, anunciaron que a administración autonómica incrementará en 2017 un 60% os apoios dirixidos especificamente a este sector, achegando 33,2 millóns de euros.
“O Goberno galego traballa nunha nova estratexia máis ampla e ambiciosa, co obxectivo de converter a Galicia no lugar máis favorable para ser autónomo”, subliñaron. Concretamente, o Executivo de Feijóo inclúe tamén nos Orzamentos deste ano un aumento do 44% nos recursos para o financiamento deste colectivo, PEMES e microempresas. Este incremento materialízase en catro novidosas medidas. Son as seguintes:
-
creación do Bono Autónomo, de ata 2.000 euros para aqueles que, con menores ingresos, poidan investir na mellora da competitividade ou en formación.
-
Ampliación, un ano máis, da Tarifa Plana, para que os que máis o necesiten só paguen 50 euros de cota da Seguridade Social durante 2 anos.
-
Incremento en 16 semanas adicionais da bonificación para conciliar, que se abrirá tamén aos que son pais.
-
E, finalmente, a extensión a todos os autónomos do Programa de Remuda Xeracional que xa existe no comercio.
Todo esto será posible, en primeiro lugar, grazas ao mantemento das axudas á promoción do emprego autónomo que, como novidade este ano, non terá requisitos de investimento. Deste xeito, estes custos poderán financiarse a través doutros programas da consellería, entre eles, coas axudas do IGAPE, ao abeiro dos proxectos que se desenvolven no medio rural. A esta actuación o organismo autonómico destina 5 millóns de euros.
En segundo lugar, duplicando os recursos para apoiar a contratación de ata tres traballadores por parte destes empresarios. Esta medida, “inédita no Estado” conta cun investimento de 1,1 millón de euros. Deste xeito, as axudas mínimas de apoio á contratación indefinida pasarán de 4.000 a 5.000 euros no primeiro traballador e, de 5.000 aos 6.000 euros, no segundo e terceiro.
Por outra banda, tamén se seguirá respaldando aos menores de 30 anos con incentivos de autoemprego; iniciativa que permitiu en 2016 a 400 mozos constituírse en autónomos. Isto significa que, calquera emprendedor que precise financiamento, contará, novamente, con diferentes liñas de axuda, e que só no último ano permitiron apoiar case catro proxectos cada día.
En consonancia co Estado
A Xunta de Galicia seguirá levando a cabo un diálogo continuo co sector, co fin de escoitar as súas principais demandas. Este diálogo “permanente” vai en consonancia coas políticas do Estado. Precisamente, o Goberno Central vén de anunciar que abrirá novas mesas de negociación de cara a debater cuestións como a mellora da calidade no emprego.
E é que estas actuacións postas en marcha polo Executivo de Feijóo, sumánse ás xa anunciadas polo de Rajoy, e que pasan pola posta en marcha da Lei Integral de apoio aos autónomos ou polo reforzamento das medidas de protección social en cuestións como o cese de actividade ou a prestación por desemprego e a compatibilización do cobro da pensión de xubilación co desenvolvemento dunha actividade.
Compromiso político da presidenta
Con este foro, Elena Candia dá continuidade ao compromiso político asumido no inicio do seu mandato de “achegar o Partido a todos”. Deste xeito, esta actividade engádese “a esta dinámica de escoita activa” que se vén levando a cabo nos últimos meses con distintos colectivos e sectores. A finalidade, subliñou a presidenta do Partido, é “deseñar políticas que dean unha resposta real e eficaz ás súas demandas, tal e como aconteceu a pasada fin de semana coa celebración do I Congreso Provincial: “A educación no ámbito educativo”.
O foro desenvolveuse no Hotel Méndez Núñez, e contou coa presenza distintas entidades relacionadas co tecido empresarial e industrial lucense. Ao encontro tamén asistiron deputados nacionais, autonómicos e senadores.