LUGO, 25 de xaneiro de 2017.- A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia; a xefa territorial do servizo de Emprego e Economía Social, Rocío Rebolo Serén; e a xefa territorial da consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández López; manterán mañá xoves un encontro con autónomos da provincia para explicarlles as novas medidas que a Xunta de Galicia levará a cabo en 2017, co fin de potenciar e impulsar a actividade de que este colectivo desenvolve na Comunidade e, en particular, na provincia.
A través desta iniciativa, denominada “Foro Emprende”, a máxima dirixente desta formación pretende dar continuidade ao compromiso político asumido no inicio do seu mandato de “achegar o Partido a todos”. Deste xeito, esta actividade engádese “a esta dinámica de ecoita activa que vimos levando nos últimos meses con distintos colectivos e sectores, coa finalidade de ser a voz de todos eles e de deseñar políticas que dean unha resposta real e eficaz ás súas demandas, tal e como fixemos a pasada fin de semana co I Congreso Provincial: “A educación no ámbito educativo”, destaca.
O obxectivo deste importante encontro é, por tanto, por en valor un colectivo que ten un peso moi relevante no PIB da provincia. Por este motivo, a dirixente provincial considera “sensato escoitalos e trasladarlles a planificación das políticas económicas, industriais, comerciais ou de calquera índole que se executen en Galicia e, en consecuencia, en Lugo”.
O foro desenvolverase no Hotel Méndez Núñez, a partires das 20:30 horas. Ao mesmo foron convidadas distintas entidades relacionadas co tecido empresarial e industrial lucense. É o caso da Confederación de Empresarios de Lugo, da Federación de Comercio, da Asociación de Mulleres Empresarias ou do colectivo de empresarios dos polígonos de O Ceao e As Gándaras.