Partido Popular de Lugo

O Grupo do PP urxe que a Deputación posibilite a posta en funcionamento das piscinas climatizadas de Monterroso e A Pastoriza

Lugo, 25 de xaneiro de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular urxe á Deputación de Lugo que posibilite a posta en funcionamento das piscinas climatizadas que financiou nos concellos de Monterroso e da Pastoriza. En concreto, os populares rexistraron esta mañá unha iniciativa que se debaterá no pleno provincial do próximo martes e a través da que o Grupo do PP solicita que a institución pública lucenses adopte, de maneira inmediata e urxente, as medidas necesarias para solucionar os problemas existentes que motivan a non apertura ao público destas instalacións deportivas.

 

A voceira dos populares na Deputación, Elena Candia, explica que “levamos este asunto ao pleno xa que consideramos que estamos ante unha situación dunha gravidade considerable” xa que proxectos que supuxeron un forte investimento público de todos os lucenses “non están a prestar un servizo aos nosos veciños, mentres as instalacións “se están a deteriorar sen abrir as súas portas”, engade.

 

A popular lamenta que, pese a levar un ano e tres meses no Goberno, Darío Campos non teña feito absolutamente nada para lograr a apertura destas dúas piscinas e pídenlle que de novo non se escuse dicindo que é un problema herdado do seu antecesor, Gómez Besteiro. “Nin un nin o outro deron nin dan respostas ás necesidades dos veciños. Presentan o que eles venden como ‘proxectos estrelas’, como o centro de recría Gayoso Castro ou as residencias, que sumados ás piscinas supuxeron un investimento de preto de 30 millóns de euros, que non se están a rendabilizar, con inmobles infrautilizados e que non cumpren nos seus obxectivos”, incide.

 

3,3 millóns de euros para as piscinas

A construción da piscina climatiza da Pastoriza implicou unha achega da Deputación de Lugo superior aos 1,5 millóns de euros; mentres que á obra deportiva acometida en Monterroso destinouse máis de 1,8 millóns euros. Polo tanto, Candia matiza que “estamos a falar de máis de 3,3 millóns de euros que urximos que teñan unha repercusión directa nos veciños e que os lucenses se podan beneficiar desta inversión”. “É totalmente censurable a imaxe que, por exemplo, nos ofrece a infraestrutura da Pastoriza, cos vasos da piscina cheos de auga con musgo ou da de Monterroso totalmente baleiros e cheos de sucidade”.

 

Adxudicacións que datan do 2009 e do 2010

As adxudicacións para a construción das piscinas da Pastoriza e de Monterroso datan do ano 2009 e do 2010, respectivamente, mentres que os prazos de execución eran de nove e seis meses. Os populares analizan que “estamos ante obras que comezaron fai sete anos e que a día de hoxe están pechadas”. Unha situación, engade Candia, “que non se pode permitir nas administracións públicas, que temos a responsabilidade de xestionar eficientemente os fondos de todos os lucenses, dándolles resposta ás súas demandas”.

 

Polo tanto, os populares lembran que levan “anos alertando desta situación e solicitando a corrección dos problemas existentes” e lamentan “a falta de compromiso e de preocupación dos gobernos socialistas que está a motivar esta parálise inexplicable, que debemos erradicar e poñerlle unha solución o antes posible”, polo que lle piden a Darío Campos que dea as explicacións pertinentes e urxa unha solución.