Sarria, 24 de xaneiro de 2017.- O Grupo Municipal do PP de Sarria pide a dimisión da alcaldesa socialista pola súa incapacidade para gobernar e a súa nefasta xestións, tras saberse que o Goberno local deixa de pagarlle aos empregados públicos e a provedores, o único Concello en España que toma esta determinación por non contar cunha praza de tesoureiro.
Os populares denuncian que a rexedora “debe abandonar o posto” despois de ter incumprido dous anos “de forma sistemática” os acordos do Pleno e as súas obrigas legais. Así, a socialista Pilar López leva os seus dous anos de mandato sen presentar un borrador de Orzamentos ao Pleno, de xeito que incumpre as súas obrigas legais, engaden.
Explican os populares que é vía Orzamentos é onde se debe crear a praza de tesoureiro habilitado nacional, un praza da que non se dotou o Concello e que agora os leva a suspender pagamentos, o único Concello de Galicia e de España nesta situación.
Desde o PP recordan que o Goberno local do PSOE presentou no mes de maio pasado unha proposta ilegal e impediu así sacar adiante unha praza que non estaba nos Presupostos de Sarria. En xuño a alcaldesa pretendeu facer unha modificación extraxudicial de crédito por decreto, pero o PP demandou que se fixera a través da aprobación dos Presupostos, tal e como marca a Lei.
“Non ter Presupostos prexudica a Sarria, pero a alcaldesa dálle exactamente o mesmo e desde xullo non fixo absolutamente nada, pese a que as dúas propostas anteriores eran inaceptables e non cumprían coa normativa”, precisan.
O Grupo Municipal Popular indica que a inexistencia de Presupostos mantén á localidade paralizada, ao tempo que impediu que se creara a praza de tesoureiro, un novo incumprimento da alcaldesa despois de comprometerse a iniciar o ano 2017 cun Presupostos aprobado.
“Non é que non poidamos aprobalo, é que nin tan sequera presentou un borrador de Orzamentos, impedindo así que se negocien ou se analicen”, engaden. Desde o mes de xullo e ata finais de ano o Goberno local non levou a cabo unha soa xestión para solucionar esta situación, o que provoca que Sarria sexa o único Concello de España que suspende os pagamentos.
Os populares sosteñen que á alcaldesa lle dá todo igual, deixou pasar o tempo sen mover un papel, o que demostra que non só non lle preocupan os empregados públicos, nin os provedores, senón que se ri de Sarria e todos os veciños e veciñas. Ademais, mentres os concellos que se atopan na mesma situación, aqueles de máis de 5.000 habitantes, tratan de resolver o problema de forma conxunta, a rexedora do PSOE decidiu desmarcarse dos seus homólogos anunciando o 10 de xaneiro que non vai facer os pagamentos correspondentes nin a funcionarios nin a provedores.
“É o único concello que toma esta decisión, o que obedece a unha nefasta xestión da alcaldesa e do seu equipo de Goberno, polo que hoxe Sarria é noticia a nivel nacional e non por unha boa causa”, precisan. A alcaldesa botou man dun decreto, previsiblemente ilegal, cuxa decisión non se ten tomado en ningún outro concello de España o que evidencia a súa xestión ineficaz e nos deixa nunha situación única en Galicia e España.
O PP velará porque se resolva o antes posible
Ante o despropósito que afecta ao Concello de Sarria, derivado dun Goberno á deriva, os populares destacan que o máis importante é velar polos intereses dos empregados públicos e dos provedores, polo que aseguran que “faremos o que estea na nosa man” para solucionar esta situación o antes posible.
“Sabemos que son problemas que crea a alcaldesa coa súa incapacidade de Gobernar, pero non imos escatimar en esforzos para que os afectados reciban os seus pagamentos”, conclúen.