Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara esixe ao Concello que retire os carteis de obras públicas xa finalizadas

Lugo, 23 de xaneiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Láncara esixe ao Concello, dirixido polo socialista Darío Piñeiro, a retirada dos carteis informativos de obras públicas xa rematadas ao considerar que “contribúen ao feísmo da localidade” ademais de “reflectir unha imaxe de abandono e desidia”.

 

O voceiro do Grupo Municipal dos populares lancareses, Santiago Cubillas, explica que existen carteis de obras públicas xa finalizadas hai máis de 15 anos. Hai obras, segundo sostén o portavoz, executadas por outras administracións públicas pero “consideramos que manter a vila en boas condicións é responsabilidade do Concello”.

 

Cubillas defende que “de querer promocionar a localidade, tal e como anuncia o alcalde, esta é unha actuación sinxela pola que deberían comezar”. Segundo engade o popular, “tórnase básica e imprescindible” para mellorar a imaxe que se proxecta ao visitante, ademais de que “pode ser executada polos efectivos municipais sen supor un custe engadido ás arcas locais”.

 

Con esta pretensión de que a administración local teña vontade de retirar os carteis de actuacións xa executadas, os populares rexistraron esta mañá un rogo á espera de que sexa tido en conta polo rexedor e aceptado no próximo pleno municipal, que se celebrará este xoves.

 

Outros asuntos que van a pleno

En compromiso coa responsabilidade de darlle traslado á administración local das peticións que reciben dos veciños e velar polo control do seu cumprimento, o Grupo Municipal do Partido Popular de Láncara a través do seu voceiro tamén rexistrou esta mañá unha moción a través da que insta ao alcalde a que arranxe un camiño en Lousido, na parroquia de Láncara.

 

Santiago Cubillas explica que se trata dun treito duns 500 metros, que dá servizo a fincas agrarias e das que se benefician os seus dez propietarios. O voceiro dos populares locais asegura que este camiño atópase nun estado “moi deficiente, que nin tan sequera permite a circulación de tractores e doutros vehículos agrarios”. Dende o PP consideran que se está ante unha actuación “pequena, de reducido custe, consistente na mellora do firme e na limpeza dos laterais, pero de imperiosa necesidade para que os donos podan traballar as súas leiras”.

 

De igual xeito, o Grupo Municipal do Partido Popular de Láncara facéndose eco das demandas dos veciños tamén presentou un rogo a través do que esixe ao Concello a limpeza do depósito de auga de Villaesteba. Cubillas indica que o entorno do pozo require de actuacións de limpeza e mantemento mentres que, engade, o interior do depósito “non se limpou dende fai anos”.