Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria demándalle ao Concello que presente un proxecto de Orzamentos “de maneira urxente” que incorpore unha praza de tesoureiro

Sarria, 17 de xaneiro de 2017.- O Grupo Municipal do PP de Sarria presentou unha moción para o próximo Pleno na que instan ao Goberno local a que de maneira urxente cumpra coa súa obriga legal de presentar un proxecto de Orzamentos para o ano 2017 no que se contemple de forma axeitada á legalidade a creación dunha praza de tesoureiro municipal.

 

Os populares piden ademais que a Deputación Provincial de Lugo coopere e auxilie ao Concello de Sarria como é a súa función cos medios técnicos, económicos e xurídicos precisos para cubrir as funcións propias do tesoureiro mentres a praza non sexa cuberta polo Goberno municipal de forma legal.

 

O Grupo Municipal do PP explica que o Concello non conta cunha praza de tesoureiro habilitado nin nos Orzamentos, prorrogados desde o ano 2015, nin no documento da plantilla laboral pola incapacidade da rexedora, a socialista Pilar López, de elaborar un proxecto de contas que inclúa a praza de tesoureiro, tal e como estipula a Lei.

 

Os populares recordan que a normativa vixente desde o ano 2015 obrigaba a que os concellos de máis de 5.000 habitantes (no caso da nosa provincia trece municipios) foran adaptándose progresivamente ás novas obrigas en materia de fiscalización e control económico e nomeasen a un funcionario tesoureiro específico, diferente ao secretario ou interventor, para realizar estas funcións.

 

Dende o PP toman a iniciativa de levar ao vindeiro pleno da corporación esta proposta na que tamén instan á Deputación posto que “ten a obrigación de implicarse neste asunto para tratar de resolvelo o antes posible” pois lembran unha das funcións máis importantes das administracións provincias é precisamente a de “prestar cooperación e asistencia aos Concellos, tanto desde o punto de vista técnico, como económico e xurídico”.

 

A propia normativa establece que en caso de algún Concello non fora capaz de cubrir o posto de tesourería con funcionarios con habilitación nacional, poderá solicitar a asistencia da Deputación Provincial, que debe coordinar todo o proceso, designando un funcionario de carreira da mesma. En todo caso esta é unha solución provisional, debido á ausencia de funcionarios de habilitación nacional, permitida ata o 31 de decembro do 2016. Así, o Concello de Sarria non creou esta praza, polo que incumpre esta obriga legal, o que supón a parálise total da administración local.

 

O único Concello da provincia que suspendeu pagamentos

O PP toma esta decisión para suplir “a incapacidade da alcaldesa para xestionar Sarria”, na actualidade o único Concello da provincia que suspendeu pagamentos por este motivo, a pesar de que existen outros municipio afectados polo mesmo problema, como se ten posto de manifesto nos medios de comunicación de forma recente.

 

Desde o Grupo Municipal Popular achacan esta situación que vive Sarria á falta de capacidade e xestión da rexedora e á incapacidade de diálogo e consenso coa oposición, pese a estar nun Goberno en minoría, que non é representativo nin ten os apoios suficientes para saír da parálise na que está instalado.

 

“A alcaldesa bótalle de forma recorrente a culpa de todo ao PP e á oposición cando o que corresponde é que asuma que é incapaz de dar resposta ás necesidades do Concello e dos cidadáns, polo que o máis honesto sería que dimitira e se fora para a súa casa”.

 

O Goberno local de Sarria leva dous anos sen facer Presupostos municipais cos que poder cubrir a praza de tesoureiro, o que vén a sumarse, recordan os populares, ao incumprimento manifesto nos pagamentos das nóminas da residencia Nosa Señora do Carme, que a plantilla está a denunciar de maneira continua. Tanto é así, engaden, que o tenente alcalde e presidente da residencia, Efrén Castro, recoñece que os presupostos prorrogados supoñen un problema ao que non lle están a por solución.