Partido Popular de Lugo

O Partido Popular trata coa Xunta a necesidade de mellorar a cobertura de teléfono e Internet en Navia e Cervantes

Cervantes e Navia, 17 de xaneiro de 2017.- As agrupacións locais do Partido Popular nos Concellos de Navia e Cervantes están a realizar as xestións oportunas dirixidas a acadar unha mellora na cobertura tanto de telefonía móbil como de conexión a Internet nas zonas destes dous municipios da Montaña lucense con máis dificultade de recepción da sinal tecnolóxica.

 

En concreto, os voceiros do Partido Popular de Navia e Cervantes, Jesús Fernández e José López, respectivamente, xunto ao edil de Cervantes, Javier Santín, mantiveron unha reunión coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, María del Mar Pereira, e co delegado territorial do Goberno galego na provincia, José Manuel Balseiro para abordar esta problemática.

 

Os populares trataron cos representantes da administración autonómica os problemas de recepción de sinal de telefonía móbil e de conexión á Internet que padecen os veciños residentes en varios núcleos dos concellos de Navia e Cervantes ao habitar, polo tanto, nas denominadas zonas de sombra.

 

Dende as formacións locais do Partido Popular agradecen a boa disposición amosada pola Xunta de Galicia, que se comprometeu a estudar posibles fórmulas para mellorar a cobertura de teléfono e datos nas zonas con maiores dificultades.

 

A falta de recepción de telefonía móbil e de datos de conexión a Internet leva sendo dende fai anos un reclamo habitual dos residentes nestas localizacións, explican os populares, polo que consideran “moi necesario dotar ao 100% cidadáns dos dous municipios” dos recursos necesarios para que poden participar activamente no desenvolvemento que ofrece a modernización tecnolóxica.