Lourenzá, 17 de xaneiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá rexeita que a alcaldesa da localidade, a socialista Rocío López, lles notificase onte a través dunha mensaxe por ‘whatsapp’ a suspensión do Pleno ordinario, que se celebraría o xoves, argumentando que “non hai moitos asuntos que levar”.
Os populares censuran esta decisión do Goberno laurentino e atribúena “á falta de traballo” da alcaldesa socialista, xa que “no municipio hai moitos asuntos nos que centrarse para darlle unha resposta aos nosos veciños”, consideran dende o PP.
“Estamos no mes de xaneiro e nin tan sequera o Goberno local nos presentou unha proposta de orzamentos para o ano vixente”, exemplifican dende o Grupo Popular, ao considerar “inadmisible que decidan suspender a celebración da sesión plenaria cando están pendentes as contas municipais que rexerán o municipio durante este 2017”. “Ao Goberno socialista non lles preocupa mellorar Lourenzá, nin queren traballar por acadalo”, critican.
Impoñen límites á participación dos cidadáns
Ante a decisión adoptada pola alcaldesa, o Grupo Municipal do Partido Popular tamén censura que a despreocupación da socialista por resolver os asuntos municipais, leve ao Concello á parálise de non convocar este órgano de representación política dos cidadáns. “O Pleno é a voz dos veciños e está limitar a súa participación”, matizan dende o PP.
Na administración local de Lourenzá convocaban as sesións plenarias ordinarias de xeito bimensual polo que “a non celebración do pleno ordinario deste mes implica que en catro meses, -agás convocatoria dun extraordinario-, os veciños e a oposición non teremos posibilidades de dirixirnos ao Executivo a través do órgano que ten a función de control e fiscalización do Goberno”.
Os populares engaden que “se lles enche a boca falando de participación cidadá, horarios dos plenos e logo suprímenos de xeito ditatorial a través dunha comunicación vía ‘whatsapp’ que a rexedora sempre rexeitou e que agora ela mesma emprega”, precisan.
Polo tanto, dende o Grupo Popular consideran esta decisión unha nova “actitude ditatorial da alcaldesa”. “Vímonos na obrigación de denunciar publicamente que nos limitasen as intervencións nos plenos, que se negasen a responder ás nosas preguntas e que non atendesen aos nosos rogos que trasladamos na meirande parte dos plenos, e agora chegan ao límite de suspender as sesións plenarias”, denuncian. Unha situación que, segundo engaden os populares, se dá “mesmo cando hai preguntas pendentes de resposta por parte do Goberno e agora córtannos as opcións de levar este tipo de iniciativas ao pleno que sempre rexistramos o día antes da súa celebración, fariámolo mañá, dando traslado ás demandas dos veciños”.