Lugo, 12 de xaneiro de 2017.- O Grupo Provincial do PP conseguiu mobilizar un investimento superior aos trece millóns de euros en materia social e de axuda ao emprego, o que permitirá que os concellos da provincia conten con máis recursos para as persoas. En concreto, os avances teñen que ver coa axuda no fogar, o servizo de teleasistencia, o remate das residencias de maiores e a reactivación do emprego.
A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, destaca que estas melloras foron posibles grazas ao traballo e á capacidade de diálogo e negociadora dos populares e tendo sempre presente a existencia dun Goberno provincial en minoría “con pouca capacidade para resolver en solitario os problemas que ten esta provincia”. A voceira ofreceu hoxe unha rolda de prensa acompañada dos deputados Carlos Armesto, José Antonio García e Mari Teijeiro.
1 millón de euros máis para Axuda no Fogar e Teleasistencia
Grazas ás xestións feitas polo Grupo Provincial do PP duplicouse a contía para Axuda no Fogar, de xeito que agora se destinan 825.000 euros máis a este concepto, ata chegar aos 1,5 millóns de euros. Tamén se asumiu o pagamento do 100% do custo do servizo evitando que concellos e usuarios teñan que pagar a metade do custo como viñan facendo ata o de agora. Isto supuxo un incremento na partida destinada a teleasistencia de 335.880 euros.
O Grupo Provincial Popular conseguiu unha nova ordenanza para regular o servizo de teleasistencia social no fogar adecuada aos tempos e consensuada cos técnicos para poder dar novas altas no servizo e poder cubrir as prazas que, por desidia, tiña sen adxudicar o Goberno que preside Darío Campos.
500.000 euros máis para entidades sociais
No pleno do mes de decembro os populares presentaron unha iniciativa grazas á cal se duplica a contía que se destina a axudas e subvencións para entidades sociais. En concreto, a Deputación de Lugo destinará 500.000 euros máis para unha nova liña de axudas a colectivos sociais na modalidade de concorrencia competitiva e que vén a sumarse aos 500.000 euros que na actualidade se invisten en subvencións nominativas e excepcionais.
8 millóns de euros para as residencias
Os deputados do PP impulsaron unha modificación nos estatutos de Suplusa, a entidade que xestiona a construción das residencias, para que poida ser prestadora de servizos sociais e así se avance na súa apertura, pese aos atrancos postos polo equipo de Goberno. Así, alcanzou ademais o compromiso da Deputación para destinar 8 millóns de euros á apertura destes centros en diferentes concellos da provincia, entre eles, para a construción e equipamento das de Becerreá, O Courel e Portomarín.
3 millóns de euros para emprego
Os populares presentaron ademais unha iniciativa que motivou a posta en marcha dun plan de reactivación e fomento do emprego para promover a contratación por parte dos concellos de persoas desempregadas, dotado con tres millóns de euros e destinado aos 66 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. O plan deseñouse, tal e como pediu o PP, en base a criterios obxectivos como a taxa de paro, a superficie, entidades de poboación e núcleos poboacionais.
Axilizáronse subvencións e convenios
Tamén se permitiu axilizar o pagamento de subvencións e convenios a concellos e entidades sociais incrementando ademais o apoio a estas institucións e colectivos para investimentos, equipamentos e servizos no eido social. A contía total destinada a novos convenios no ano 2015, que logo se estendeu ao 2016, como axudas plurianuais foi de preto dun millón de euros.