A Fonsagrada, 11 de xaneiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular da Fonsagrada agradécelle á Xunta de Galicia que dea a autorización para proceder á instalación de gas natural no municipio. Os goberno autonómico vén de publicar hoxe a resolución desta concesión no Diario Oficial de Galicia (DOG).
O voceiro do PP, Tobías Martínez, quixo poñer en valor “novamente” a aposta do goberno de Núñez Feijóo “pola nosa vila”. Os populares salientan que esta actuación “suporá un gran avance para todos os fonsagradinos e fonsagradinas que poderán beneficiarse, unha vez que conclúa o proxecto e as instalacións estean listas, dunha enerxía máis eficiente e limpa”.
O proxecto recolle a regasificación cun módulo de gas natural licuado e cun depósito de almacenamento de 60 metros cúbicos dende o que sairá un eixo principal con distintos ramais polas rúas do núcleo da vila fonsagradina “destinados a cubrir a demanda de todo o núcleo urbano”, apuntan os populares.
Establécese tamén que “o nivel de presión que se adoptará elixirase tendo en conta parámetros como o tipo de consumo que se vai subministrar ou o número total de clientes potenciais”.
Deste xeito, dende o PP precisan que na resolución publicada no DOG fíxase para a empresa unha fianza de 9.360,5 euros, o 2 % do orzamentos total do proxecto, “para garantir o cumprimento das súas obrigas”. Ademais establécese un prazo de tres meses para solicitar a aprobación do proxecto de execución, para o que se debe presentar un informe detallado das instalacións que se levarán a cabo.
“Esta resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia significa o punto de partida para que o Concello da Fonsagrada poida facer realidade a necesidade de dispoñer dunha enerxía tan eficiente e limpa como é o gas natural. Hoxe todos os fonsagradinos estamos de noraboa”, conclúen os populares.