Ribadeo, 04 de xaneiro de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo resalta que a Xunta de Galicia só en materia de depuración de augas inxecta no municipio uns 600.000 euros anuais dirixidos á explotación e mantemento da Estación Depuradora de Augas de Ribadeo. O voceiro dos populares, Jesús López Penabad, informa que deste importe total, aproximadamente a metade destínase ao tratamento das augas (nunha cifra variable en función da auga tratada) e a contía restante correspóndese coa amortización da obra, establecida en 20 anos.
“Estamos, polo tanto, ante un importante esforzo que Augas de Galicia realiza para o sostemento da EDAR de Ribadeo”, analiza o popular, xa que “estamos a falar de preto de 100 millóns das antigas pesetas ao ano”, é dicir, “ao redor de 50.000 euros mensuais”, precisa López Penabad.
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular lembra que grazas ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao Goberno galego do Partido Popular, “Ribadeo pode contar cunha instalación moderna e dimensionada para o tratamento das augas residuais da vila”, deseñada para unha poboación equivalente a 37.500 habitantes.
No 2011, Núñez Feijóo inaugurou na localidade unha das infraestruturas hidráulicas máis importantes da Mariña lucense. Esta obra, “unha das máis relevantes da comarca”, segundo precisa Penabad, supuxo un investimento do Goberno galego de 18,5 millóns de euros. Á EDAR, súmaselle a execución da construción do emisario, financiado tamén integramente pola Xunta e que contou cun orzamento de 600.000 euros para completar e perfeccionar o funcionamento da depuradora.
Forte compromiso de Feijóo con Ribadeo
Deste xeito, o Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo pon en valor a “atención” que a Xunta de Galicia ten coa localidade e o “investimento” que o Goberno galego destina á vila. O voceiro dos populares locais, Jesús López Penabad destaca “estas cifras, que son a mellor mostra do compromiso manifesto e claro do Goberno galego co noso municipio”.
Polo tanto, os populares queren agradecer a colaboración que “ano tras ano a Xunta de Galicia está a poñer de manifesto con todos os ribadenses e que se mostran, por exemplo, no importante esforzo económico que o Goberno galego dirixe ao tratamento das augas”.