Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP de Ribadeo acusa ao alcalde de faltar á verdade en relación coa modificación dos valores catastrais

Ribadeo, 27 de decembro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo acusa ao alcalde da localidade, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, de faltar á verdade en relación co cambio nos valores catastrais.

 

O voceiro do PP, Jesús López Penabad, asegura que non é certo que o rexedor se vise obrigado a facer a revisión catastral, tal e como afirma o propio mandatario, “pois o que se empeñou en facer este trámite foi el mesmo”, asegura o popular.

 

Os populares pídenlle ao rexedor que “non lle bote a culpa aos demais de algo que é unicamente responsabilidade del”. López Penabad, asegura que dende o Grupo Municipal do PP de Ribadeo tiveron acceso a un documento no que se demostra “que foi Suárez o que solicitou a revisión catastral e a actualización de valores en xullo de 2015 para a anualidade de 2016”.

 

Dende o PP recórdanlle ademais ao mandatario ribadense que no último pleno celebrado no municipio o IBI pasou dun valor de 0,73 a 0,67 e lémbranlle que todos os grupos apoiaron esta media. Recalcan que “o Grupo Municipal do Partido Popular, como non podía ser doutro xeito, votou a favor para baixar ese gravame”.

 

Dende os anos 80 sen actualizar o IBI

 

Dende o PP salientan tamén que desde os anos 80 eses valores estaban sen renovar no Concello de Ribadeo. Por iso os populares esíxenlle ao alcalde que sexa máis rigoroso e “explique as cousas tal e como son e non lle minta aos veciños e veciñas botándolle as culpas ao Catastro cando a petición foi del mesmo”, conclúen.

 

Saúdos,

 

Gabinete de Comunicación