Lugo, 23 de decembro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular presentará unha moción de urxencia ao Pleno do vindeiro martes na que pedirán o apoio da Corporación para que as entidades bancarias devolvan de oficio as cantidades derivadas das cláusulas solo a todos os afectados. Os populares de Lugo queren ser os primeiros que trasladan esta petición nunha institución pública, polo que agardan contar co respaldo do resto dos grupos da Corporación.
O Grupo Provincial do PP traslada esta iniciativa despois de coñecerse, o pasado mércores, a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE contra a cláusula solo das hipotecas en España, que marca a súa completa nulidade.
Os populares coñecían de primeira man as demandas de todos e todas as afectadas da provincia, a través dos representantes das asociacións de consumidores que viñan reclamando esta devolución, que hoxe, á vista da senteza, é unha posibilidade real.
“Parécenos unha demanda xusta dos consumidores, como así avala a sentenza, e por iso cremos que os bancos deben responder de xeito responsable e cremos que como institución somos os primeiros que temos que dar exemplo e poñernos do lado dos afectados”, explica a voceira do PP, Elena Candia.
Axuda do Goberno galego
Desde o PP recordan tamén o ofrecemento directo da Xunta de Galicia a través do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, para que os consumidores afectados podan acudir ao Instituto Galego de Consumo e Competencia sempre que precisen asesoramento, de xeito gratuíto. Para elo teñen á súa disposición sete oficinas na Comunidade, así como un servizo web.