Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP dille a Campos que se ten vontade de negociar os presupostos empece por aprobar o plan único de colaboración con todos os concellos

Lugo, 21 de decembro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular esíxelle ao presidente da Deputación, Darío Campos, que inclúa nos orzamentos de 2017 o plan único de colaboración con todos os concellos da provincia, o que, a petición do PP, debe aglutinar as distintas liñas de axuda existentes e incluír outras novas, converténdoo “en máis ambicioso, que se guíe por criterios obxectivos e que responda ás verdadeiras necesidades dos lucenses”. Así, a voceira dos populares, Elena Candia, precisa que “se Campos ten vontade de negociar os presupostos, debe empezar por aprobar o plan único que propoñemos”.

 

A voceira do PP precisa que o seu grupo non presentou o seu modelo de presupostos á espera de que poida haber un acordo co Goberno provincial “tal e como é a nosa vontade e tras coñecer, detalle que agradecemos, que o BNG decidiu rectificar e se suma á nosa proposta”. “Imos buscar o consenso e sumar apoios e vontades para que esta provincia teña Presupostos canto antes”, engade.

 

Así, os populares pídenlle ao presidente que convoque á maior brevidade posible unha xunta de voceiros co obxectivo de traballar na elaboración das bases deste plan e acordar o importe a destinarlle nos Orzamentos de 2017.

 

Os populares dende hai anos están a trasladar a través dos mecanismos dos que dispoñen reivindicacións para que a Deputación mellore a colaboración con todos os concellos da provincia e cree un plan de axudas ás administracións locais que dea unha verdadeira resposta ás necesidades dos veciños. Así, Candia explica que esta petición, “que levamos de novo ao próximo pleno e que consideramos ineludible” deriva de que “durante anos os concellos se viron sometidos ao sectarismo político e partidista”.

 

Os populares censuraron de xeito reiterado estas actitudes e, segundo lembra Candia, “buscamos iniciativas dirixidas a mellorar a colaboración da Deputación con todos e cada un dos concellos da provincia”. Agora, engade, “cun Goberno provincial obrigado a traballar en consenso, e cun BNG que se deu conta das verdadeiras necesidades desta provincia, Campos terá o noso apoio se nos presenta unha proposta que trate equitativamente a todos os municipios e que permita que a Deputación cumpra coas súas competencias”.

 

O plan único de colaboración con todos os concellos

O plan único de colaboración con todos os concellos esixido polos populares debe permitir que a Deputación de Lugo cumpra coa súa competencia regulada por lei, a de colaborar con todos os concellos, cinguíndose a criterios obxectivos e garantindo as condicións de igualdade e concorrencia; xa que actualmente o mecanismo predominante na Deputación de Lugo realízase mediante a firma de convenios non suxeitos a concorrencia, o que permite aceptar a dispensación dun trato diferente entre municipios.

Neste plan único aglutinaríanse os diferentes plans xa existentes (Plan de Obras e Servizos, Servizo de Axuda no Fogar, Plan de Emprego, Teleasistencia, Plan de Aforro Enerxético…) así como a moción aprobada na anterior sesión plenaria relativa á elaboración dun plan de axuda dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Lugo para o financiamento de gastos non finalistas.

 

Así, os populares consideran que coa creación deste plan único conséguese racionalizar e obxectivar, simplificar tarefas administrativas, facer un plan dinámico e acadar a autonomía local e a planificación do Concello.

 

Polo tanto, dende o Grupo do PP na Deputación consideran que “é necesario” que Darío Campos atenda ao “diálogo e ao consenso” para que non se “repitan circunstancias como as vividas coas últimas contas”, na que se amosou “un goberno en minoría, sen vontade de acordo, sen interese polas demandas dos lucenses, que antepuxo os seus problemas internos”.