Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PON DE RELEVO QUE DARÍO CAMPOS PRESIDE NA DEPUTACIÓN DE LUGO UN GOBERNO EN PRECARIO

Santiago, 20 de decembro de 2016.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega puxo de relevo esta mañá no Parlamento que o presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, preside un goberno “en precario” e lembroulle que “está obrigado a pactar para que un ano máis os orzamentos do ente provincial non queden en fume”. Para evitar esta situación, Vega tendeu a man do PPdeG ao Goberno provincial en minoría, dun xeito responsable e tal e como fixeron na presente anualidade, para que sexa posible chegar a unhas contas de consenso que permitan resolver os problemas dos lucenses tamén no 2017.

 

Daniel Vega lembrou que Darío Campos “é o presidente con menos respaldo das catro deputacións galegas e o mais débil que se acorda na institución provincial”. “A pesar diso, segue aplicando a unilateralidade, carente de man esquerda, de diálogo e pouco interesado no funcionamento normal da institución”, dixo.

 

“Non podemos comprender a falta de diálogo do PSOE, pese a que presenta unhas contas que só defenderán, no mellor dos casos, 10 dos 25 deputados provinciais”, sinalou o deputado popular. Neste sentido, engadiu que “o único que nos queda claro é que vostede so chega a acordos cando se trata de manterse no poder e non pensa no interese dos lucenses”, polo que recomendoulle “unha vez máis que sexa consciente da súa febleza e conxugue o verbo pactar”.

 

O deputado popular reclamoulle, por exemplo, que os orzamentos da 2017 incorporen o investimento necesario para facer posible a dotación de material do auditorio de Lugo, en cuxa construción a Xunta xa investiu 20 millóns de euros. Lembroulle tamén que nas contas pactadas para a anualidade de 2016, a Deputación comprometeuse co PP a ampliar as dotacións en materia de axuda no fogar, o plan de obras e servizos, impulsar o programa de axudas para concellos de menos de 20.000 habitantes ou o plan para a renovación de marquesiñas, “cuestións que esiximos incorporar tamén nos orzamentos de 2017”.

 

FALTA DE CREDIBILIDADE E INCUMPRIMENTOS

 

Por outra banda, Daniel Vega reprochou a falta de “credibilidade e palabra” do presidente socialista e repasou os múltiples compromisos incumpridos por Darío Campos daqueles que presentou na súa anterior comparecencia no Parlamento de Galicia. “Vostede veu aquí para propoñer múltiples iniciativas que despois quedaron en promesas rotas: eliminou os orzamentos participativos, hai un futuro incerto para a granxa Gayoso Castro, e 6 anos despois a Deputación de Lugo foi incapaz de poñer en marcha unha soa praza das residencias promovidas polo ente provincial”, concretou.

 

Vega tamén censurou que “o PSOE é responsable directo do deterioro da imaxe do ente provincial, entre liortas internas do provincial e os problemas xudiciais da institución”, polo que reclamou “accións decididas para devolver á Deputación a dignidade que nunca debeu perder”.

 

“Vostede, Sr. Campos, converteu a Deputación de Lugo na institución provincial con máis problemas internos de España: en pouco máis dun ano o seu grupo viuse reducido coa marcha do señor Martínez e despois romperon o pacto de goberno co BNG; ao tempo que a imaxe da institución viuse relegada ás portadas dos xornais que informaban dos líos xudiciais do seu ex presidente”, sinalou. “As deputacións provinciais non deben ser isto, porque a Deputación está para resolver dificultades e non para crealas”, apuntou.

 

Para rematar, Daniel Vega lembrou que son tempos de responsabilidade política. “Debémonos aos cidadáns, chegou a hora do traballo e do diálogo, palabras fundamentais no día a día da política”.