Partido Popular de Lugo

O PP de Navia denuncia a deixadez na que o Goberno municipal e a Deputación de Lugo manteñen as estradas da localidade

Navia de Suarna, 19 de decembro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Navia de Suarna denuncia a deixadez e o estado de abandono no que o Goberno municipal e a Deputación de Lugo manteñen as estradas da localidade. Fan fincapé especialmente nas vías provinciais nas que a Deputación non está a botar sal de xeito regular, o que provoca un risco considerable para os condutores.

 

Ademais da desatención coas estradas de titularidade municipal, os populares lamentan o escaso interese que a Deputación provincial amosa coa localidade. “Non só criticamos que desde o Goberno provincial nos teñan abandonados, senón que o alcalde non sexa capaz de reclamarlle á Deputación o coidado que corresponde a estas vías da súa titularidade”, censura o voceiro, Jesús Fernández.

 

As queixas do PP non só se cinguen ao estado das estradas provinciais, senón tamén á sinalización do Concello. Así, o Grupo Municipal Popular ten levado numerosas iniciativas ao Pleno para que se corrixan os problemas de sinalización, pero o alcalde decide facer oídos xordos de xeito permanente. Tanto é así que hai sinais que manteñen en pé coa axuda dunha corda, unha imaxe “que non se pode consentir” nin para os veciños nin como carta de presentación dun Concello que pretende atraer turistas.

 

O portavoz do Grupo Municipal do PP, Jesús Fernández, insiste en que tanto a administración local como a provincial deben actuar de xeito inmediato nas vías para solucionar un problema que xa advertiron nos meses de verán, “sen que teñan feito nada ao respecto”.

 

“Se tiveran actuado nos meses de verán, cando o tempo é mellor, evitarían que a situación empeorase e as estradas estean nun estado deplorable como o que presentan agora”, incide o popular. O PP advirte da existencia de maleza, socavóns e problemas nos accesos a multitude de núcleos, polo que piden celeridade na resposta do Concello e da Deputación.