Partido Popular de Lugo

Candia entende que dispoñer dun servizo ferroviario moderno e competitivo “é unha necesidade básica” para a provincia e “traballaremos para acadalo”

Lugo, 17 de decembro de 2016.- A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, tras participar esta mañá na concentración en defensa do ferrocarril lucense, asegura que dispoñer dun servizo ferroviario moderno e competitivo “é unha necesidade básica desta provincia” e, engade, “traballaremos para acadalo”.

 

En concreto, a popular dixo que “continuaremos a traballar alí onde temos responsabilidades de Goberno para que todas as necesidades sexan cubertas” e así puxo en valor que dende o Estado e a Xunta de Galicia “xa teñen demostrado a súa sensibilidade coas nosas demandas que reflicten os intereses comúns dunha provincia enteira”.

 

Entre as medidas postas en marcha polos gobernos estatal e autonómico, a presidenta dos populares na provincia citou, especialmente, a ampliación das frecuencias do traxecto Lugo-Madrid que pasaron dun único tren nocturno a catro frecuencias diarias (dúas delas enlazando co tren en Ourense a primeira hora da mañá e a primeira da tarde). Unha decisión que, segundo lembra a popular, non tardou en dar os seus froitos, como se deriva do incremento do número de pasaxeiros nun 21,3%, pasando dos 18.100 usuarios a 21.945 entre abril e setembro deste ano.

 

Elena Candia tamén fixo referencia á xestión promovida pola Xunta de Galicia dirixida a acadar fondos europeos que permitan o impulso ás estacións intermodais. Neste contexto, atópase, cita a popular, unha partida de 75.000 euros que o Goberno galego destina á redacción dos estudos previos para o deseño da terminal de autobuses incluída dentro da estación intermodal de Lugo. Ademais, os Orzamentos da Xunta recollen compromisos plurianuais por importe de 3,5 millóns euros para executar as obras desta infraestrutura.

 

Implicación de todas as administracións

Elena Candia dixo que imos seguir traballando para que “o futuro do tren de Lugo estea encarrilado”, así, a popular engadiu que “o partido que presido dende Lugo pide a unidade, o esforzo e o traballo conxunto de todas as administracións implicadas no crecemento económico e no reequilibro territorial da provincia”.

 

Traballo permanente

A presidenta do Partido Popular da provincia de Lugo tamén precisou que “igual que hoxe nos unimos para facer unha demanda como colectivo social, o Partido Popular de Lugo ten trasladado as súas inquedanzas e a necesidade de seguir mellorando o servizo”. “Temos abertas todas as canles de comunicación coas administracións competentes para poder avanzar na ampliación das frecuencias, na mellora do servizo e na consecuencia do AVE Lugo-Madrid”.

 

Polo tanto, Candia remarcou que “o noso compromiso como cidadáns acréditase coa nosa presenza hoxe neste foro, cos demais representantes de todos os veciños e veciñas, aos que me poño á súa disposición, e ademais o noso compromiso político vese refrendado en cada un dos nosos concellos, no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia”. “E así seguirá sendo de maneira continua e imparable”, conclúe.