Lugo, 15 de decembro de 2016.- O Partido Popular de Lugo botou a andar un programa de visitas ás distintas asociacións tanto sociais como rurais de toda a provincia, que deu comezo cun encontro e percorrido polas instalacións de Aspnais (Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo), no que participaron tanto a presidenta dos populares provinciais, Elena Candia, como a coordinadora e a membro da Comisión de Política Social do Partido, María José Blanco Freire e Susana López Abella, respectivamente.
A presidenta do Partido Popular da provincia de Lugo quixo agradecer o traballo de todas as asociacións e, dun xeito concreto, mostrou a súa admiración pola labor promovida por Aspnais, que leva 50 anos involucrada a prol da integración social, educativa e laboral de persoas con algún tipo de discapacidade intelectual.
Candia explica que teñen previsto desenvolver un programa de visitas a todas as asociacións dos ámbitos social e rural de toda a provincia cunha dobre finalidade: por unha banda, “queremos coñecer de primeira man o traballo que están a desenvolver e, polo tanto, as necesidades e inquietudes que presentan” e, por outro lado, “queremos manter unha comunicación fluída con cada unha destas entidades para continuar a desenvolver a nosa responsabilidade de ser intermediarios entre as asociacións e as distintas administracións”.
Información continuada
Candia lembra que dende o Partido Popular de Lugo xa mantivemos xuntanzas na sede provincial con asociacións a través das que recollemos as súas propostas e dende aquela mantemos “un diálogo fluído con cada unha delas a través das canles que ofrece internet para mantelas informadas de todos aqueles asuntos que sexan do seu interese e que proveñan das distintas administracións públicas”. Agora, “con esta rolda de visitas pretendemos ampliar o noso contacto con cada un dos entes xa que consideramos de suma importancia colaborar coas asociacións e implicarnos na importante e moi necesaria función que están a desempeñar na sociedade”
Outras actividades
Dende a coordinación sectorial de Política Social do Partido Popular de Lugo tamén están a traballar na organización doutra serie de iniciativas, como son a celebración dunha xornada de convivencia en Lugo, que integraría a organización de diferentes mesas redondas que tratarían, entre outros asuntos de interese, sobre violencia de xénero, menores, dependencia e pensións. Ademais, o programa de actividades prevé a celebración dunha xornada en Mondoñedo, centrada no papel da muller na sociedade, enfocada principalmente, na muller do rural.