Trabada, 15 de decembro de 2016.- O portavoz do Grupo Municipal do PP de Trabada, José Manuel Yanes Ginzo, recoméndalle á rexedora socialista, Mayra García, que non perda ao tempo difamando ao PP e se preocupe por facer algo pola localidade.
O portavoz recórdalle ao Goberno local que foi durante o mandato dos populares cando se impulsou e avanzou na construción da residencia, “pero como é unha recén chegada nin trae os deberes feitos”, precisa. Así, Ginzo engade que o seu Goberno investiu 300.000 euros na residencias de maiores, 200.000 para a súa construción e 100.000 que destinou a mercar os terreos para o seu emprazamento.
“O que ten que aclarar, explica o popular, é se a obra está recibida de xeito definitivo ou non por parte de SUPLUSA”. De non ser así, tal e como sospeitan os populares, “pouco se pode facer para o seu remate e posta en funcionamento”, engade.
O popular aclara que a residencia non apareceu en Trabada por xeración espontánea, senón que foi o seu Goberno o que a promoveu e levou a cabo as xestións oportunas para que poida ser unha realidade. “Igual quere facernos ver que sen o apoio e consentimento do Goberno local daquel momento podía saír adiante. Iso igual llo compran en Lugo, onde pasa o seu tempo, pero en Trabada escusa seguir difamándonos, que todo o mundo sabe quen fixo o traballo para que a residencia poida abrir”, critica.
Desde o Grupo Municipal do PP pídenlle á rexedora que se poña a traballar para ver, “algún día”, ese ‘programa fecundo’ do que presumía en época electoral e de cuxa execución nada saben os veciños e veciñas de Trabada”.