Partido Popular de Lugo

O PP de Sarria oponse á proposta da alcaldía de reducir o servizo de Policía Local polas noites de luns a xoves

Sarria, 7 de decembro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Sarria aponse á proposta adoptada pola alcaldesa da localidade, a socialista Pilar López, de reducir o servizo de Policía Local polas noites de luns a xoves. Os populares tachan esta medida, tomada unilateralmente pola alcaldía, de “irresponsable, inxustificada e moi negativa, que está a crear desasosego e certo medo na poboación”.

 

Ante esta situación, o Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria vén de rexistrar unha iniciativa plenaria a través da que esixen ao Goberno local que o servizo ofrecido polas patrullas nocturnas se manteña “nos mesmos termos”, ademais, os populares instan á alcaldesa que cubra as prazas vacantes da policía local e, de ser preciso, que dote ao Concello doutras novas.

 

En concreto, os populares explican que na actualidade existe unha praza de policía local, dotada orzamentariamente, e que ata a actualidade non se puido cubrir ao prohibilo a normativa estatal pero que “agora xa se pode convocar”. Amais, dende o Partido Popular informan tamén de que existe outra praza vacante tras o falecemento dun auxiliar de policía. De igual xeito, os populares piden á rexedora que se provean as prazas que queden libres por xubilación. “Que non se amorticen estes postos e que se convoque algún reforzo a maiores de ser preciso”, matizan.

 

Servizo público “prioritario e básico”

Os populares consideran que a Policía Local é un “servizo público prioritario e básico”, polo que “rexeitan calquera medida adoptada que reduza o seu ofrecemento garantindo nas mellores condicións posibles a seguridade cidadá”. A maiores, os populares explican que esta responsabilidade é exclusiva da Policía Local, dado que outros corpos do Estado, como é o da Garda Civil, teñen unha competencia comarcal, polo tanto, “atenden a varios concellos, o que implicaría que Sarria estivese máis desprotexida”.

 

Falta de responsabilidade

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria censura a “falta de responsabilidade total e absoluta da alcaldesa” ao adoptar esta medida de recortes en materia de seguridade”, e aclaran que “non está consensuada, nin foi ao pleno local”.

 

Os populares consideran que “non se pode aforrar en seguridade, nin recortar os servizos públicos, para destinar os fondos de todos os veciños a outras finalidades, como son as festas sen tradición”. Dende o Grupo municipal popular enumeraron, por exemplo, que se gastaron 24.000 euros na festa Irmandiña, “unha dotación que non estaba presupostada”. “Non se pode recortar en seguridade para pagar os caprichos da alcaldía”, precisan.

 

Desasosego na poboación

Os populares tamén censuran que esta decisión do Goberno local está a crear “desasosego e certo medo na poboación”, ademais de tratarse “dunha medida adoptada sen xustificación que pode crear un efecto chamada á raíz da oleada de roubos que se está a dar noutras zonas”. Ata agora, o feito de que Sarria fóra unha localidade segura, con baixos índices de delincuencia “derivaba da boa coordinación entre os efectivos locais e demais corpos do Estado e esta boa resposta e traballo conxunto non se pode romper de forma unilateral”, aseguran dende o PP.

 

Polo tanto, os populares esixirán no vindeiro pleno municipal que non se reduza o servizo de Policía Local, que se doten ou se creen as prazas precisas e que, polo tanto, “non se tomen medidas tan irresponsables, que poden chegar a crear un efecto chamada e incrementar os roubos na zona, mentres se destinan os fondos públicos a pagar caprichos da alcaldía”.