Partido Popular de Lugo

Os populares valoran os Orzamentos da Xunta para Lugo e comarca, unhas contas “acertadas” que avanzan no reequilibrio territorial e na creación de emprego e riqueza

Lugo, 6 de decembro de 2016.- A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, e o secretario xeral do partido, Juan Carlos Armesto, mantiveron unha xuntanza de traballo cos deputados lucenses no Parlamento de Galicia na que valoraron os Orzamentos da Xunta para Lugo e comarca, unhas contas “acertadas” que avanzan no reequilibrio territorial e na creación de emprego e riqueza.

 

Os populares confían en que esta será unha lexislatura determinante para a provincia de Lugo como demostran os compromisos e apostas incluídas no proxecto de Orzamentos autonómicos para o ano 2017 que hoxe foi presentado no Parlamento de Galicia.

 

Neste proxecto, Lugo lidera xunto con Ourense o investimento que a Xunta destina por habitante, que se sitúa en 3.522 euros/lucense, isto é, unha cantidade un 33% superior ao gasto previsto nas provincias atlánticas, afondando nunha estratexia de reequilibrio territorial e discriminación positiva cara a nosa provincia.

 

Os populares destacan o feito de darlle continuidade a proxectos como o Plan Paradai ou a estación intermodal. Tamén o incremento no apartado do emprego, que sobe máis dun 15%, así como o ascenso de máis dun 4% na partida de maiores, o que supón máis de 4 millóns de euros. Unhas contas que consolidan a baixada de impostos e garanten que se cumpra cos compromisos adquiridos cos lucenses.

 

 

 

No caso concreto de Lugo, achéganse 250.000 euros na conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria. Invístense 450.000 euros máis para o Plan Paradai. O proxecto para a estación intermodal de Lugo recibirá en 2017 75.000 euros e prevense achegas plurianuais que superarán os 3,5 millóns de euros.

 

Tamén no ámbito das infraestruturas o plan para a mellora e conservación de paradas e estacións de autobuses se centrará en Lugo, que recibe preto do 60% do orzamento total que será de medio millón de euros.

 

Como novidade a Xunta prevé investir 847.004,32 euros na construción de sendas peonís e ciclistas nos concellos da comarca de Lugo.

 

Camiño de Santiago

Tamén cómpre destacar a inversión máis de un millón de euros para a sinalización do Camiño de Santiago nos concellos lucenses polos que transcorre a Ruta Xacobea. A administración autonómica destina ademais un total de 679.090 euros para a execución de diversas actuacións de mellora en albergues e no propio Camiño.

 

Investimentos en industria e educativos

Pola súa contía tamén destacan os 8,2 millóns de euros que a Xunta investirá na actuación estratéxica para o desenvolvemento da Civil Uavs Iniciative en Rozas aos que se suman outros 100.000 euros para creación dun centro de experimentación de cargas aerotransportadas.

 

No ámbito educativo hai previstos 1,6 millóns de euros para a reforma do IES As Mercedes de Lugo, 150.000 euros máis para a construción do novo CEIP Sagrado Corazón. Tamén hai que sumar os 772.930 euros para actuacións en materia de protección do patrimonio cultural na cidade.

 

Apoios fiscais para as familias e o rural

As contas autonómicas tamén inclúen –entre outras– unha nova rebaixa fiscal centrada no eido rural, de especial interese para os lucenses. A Xunta bonificará a adquisición de vivenda para uso habitual aos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidad cando estea ubicada nunha zona rural.

 

Ademais, o Goberno galego consolida as baixadas de impostos xa en vigor dende xaneiro de 2016, e que afectan ao IRPF, ao Imposto sobre Sucesións -o 99% dos galegos xa non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo- e o programa de impostos cero no rural.