A Mariña, 6 de decembro de 2016.- A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, e o secretario xeral do partido, Juan Carlos Armesto, mantiveron unha xuntanza de traballo co deputado lucense no Parlamento de Galicia Daniel Vega na que valoraron os Orzamentos da Xunta para A Mariña, unhas contas “tanxibles e necesarias” que avanzan no reequilibrio territorial e na creación de emprego e riqueza.
Os populares confían en que esta será unha lexislatura determinante para a provincia de Lugo e, en particular para A Mariña, como demostran os compromisos e apostas incluídas no proxecto de Orzamentos autonómicos para o ano 2017 que hoxe foi presentado no Parlamento de Galicia.
Neste proxecto, Lugo lidera xunto con Ourense o investimento que a Xunta destina por habitante, que se sitúa en 3.522 euros/lucense, isto é, unha cantidade un 33% superior ao gasto previsto nas provincias atlánticas, afondando nunha estratexia de reequilibrio territorial e discriminación positiva cara a nosa provincia.
Melloras nas infraestruturas sanitarias
A nivel sanitario, destacan os 6,6 millóns de euros comprometidos para seguir impulsando a obra de ampliación do Hospital da Costa, con 350.000 euros máis que engade a distintas actuacións de aforro e eficiencia enerxética nos espazos de nova construción.
Principais investimentos en infraestruturas
No ámbito das infraestruturas destacan os 2,7 millóns de euros que o Goberno galego investirá na Vía de altas prestacións da Costa Norte. Tamén a partida para o acondicionamento e mellora da LU124 no tramo Lindín, Cruz da Cancela, Riotorto-Vilaméa ao que se achegan 858.217 euros.
Superan os 420.000 euros distintos investimentos previstos para iniciativas de integración paisaxística no Camiño de Santiago e rehabilitación integral, e tamén destaca a inversión de preto de 400.000 euros para a sinalización do camiño Norte ao seu paso pola Mariña. Mentres que en materia de solo empresarial hai achegas previstas en Lourenzá dotadas con 10.000 euros.
Investimentos en Benestar
No ámbito asistencial Cervo recibirá unha achega de 88.190 euros para a súa residencia, ao tempo que haberá 758.000 euros destinados á posta en marcha do programa de atención á primeira infancia e creación das casas-niño.
O Presuposto recolle tamén actuacións en materia de protección do patrimonio cultural, entre elas en Mondoñedo, Concello ao que a Xunta destina por este concepto 576.376 euros.
Mar, turismo, deporte e medio ambiente
No ámbito marítimo destacan as achegas de 465.000 euros para o centro de investigacións mariñas de Ribadeo ou os 368.267 euros que Portos de Galicia consignará para distintas actuacións nos peiraos da costa.
Infraestruturas hidráulicas
No ámbito do medio ambiente e infraestruturas hidráulicas, as principais achegas son para a nova EDAR de Viveiro (1 millóns de euros) Burela (200.000 euros), para a EDAR de Foz (700.000 euros) e para renovar a rede de abastecemento en Río Covo (Cervo) por 150.000 euros.
Apoios fiscais para as familias e o rural
As contas autonómicas tamén inclúen –entre outras– unha nova rebaixa fiscal centrada no eido rural, de especial interese para os lucenses. A Xunta bonificará a adquisición de vivenda para uso habitual aos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidad cando estea ubicada nunha zona rural.
Ademais, o Goberno galego consolida as baixadas de impostos xa en vigor dende xaneiro de 2016, e que afectan ao IRPF, ao Imposto sobre Sucesións -o 99% dos galegos xa non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo- e o programa de impostos cero no rural.