Partido Popular de Lugo

O PP de Ribadeo pídelle ao Goberno local que inste á Deputación ao arranxo de cinco estradas de titularidade provincial

Ribadeo, 5 de decembro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Ribadeo vén de presentar unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden que o Goberno local inste á Deputación de Lugo ao arranxo de cinco estradas da súa titularidade mediante unha partida nos Orzamentos do vindeiro ano. Os populares teñen detectado deficiencias nas vías correspondentes á LU-P-5201, LU-P-5203, LU-P-5204 e LU-P-5205, que comunican diversas parroquias do municipio ribadense.

 

Os populares explican na súa iniciativa que a Deputación Provincial de Lugo é a responsable das actuacións pertinentes sobre a rede viaria da súa titularidade respecto da cal a día de hoxe se observa a necesidade de emprender notables melloras.

 

En concreto, no termo municipal de Ribadeo atópanse varias estradas de competencia da Deputación de Lugo que precisan dunha reparación urxente, ante a mala situación tanto do seu pavimento coma da limpeza das mesmas, provocando que as mesmas non gocen da seguridade e da comodidade de uso para os veciños e usuarios que transitan polas mesmas.

 

O acceso ao campo de adestramento, unha actuación urxente

Amais de actuar na LU-P-5201, LU-P-5203, LU-P-5204 e LU-P-5205, o PP explica que a estrada LU-P-5207, canle entre o rural e a vila de Ribadeo, presenta a necesidade dun arranxo integral da pavimentación ademais da dotación de beirarrúas, mobiliario urbano e iluminación o ser non so unha vía de tráfico rodado senón que presenta tamén niveis altos de trafico peonil. Na mesma, acceso ao campo de adestramento de diversas escolas deportivas, encontramos como especial punto de perigosidade o correspondente á ponte do FEVE, onde solicitamos a construción dunha pasarela ou aquela actuación que asegure a seguridade de todos os que atravesan ese punto da vía provincial.

 

O voceiro do PP, Jesús López Penabad, explica que se trata de estradas importantes non só por ser vías moi recorridas e de gran afluencia de tráfico, senón por conformar estradas de saída e de comunicación para os veciños das diversas parroquias, ademais de soportar tráfico pesado o estar conformadas dentro de zonas de importante potencial agrícola.

 

O popular indica ademais que a falta de actuación nos últimos anos por parte do organismo provincial levou a numerosos veciños a denunciar publicamente o mal estado destas estradas e a problemática que conleva esta situación, pola que “agardamos actuacións inmediatas”.