Ourol, 2 de decembro de 2016.- A dirección provincial do PP nomea unha xestora do partido a nivel local en Ourol, que rexerá a formación popular na localidade ata a convocatoria dun novo congreso. Está presidida por Carlos Ríos López.
A constitución da xestora, proposta pola dirección provincial, ratificouse na última reunión celebrada con afiliados no municipio de Ourol e na que participaron a presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, o seu secretario xeral, Carlos Armesto, e o coordinador do partido pola Mariña, José Manuel Balseiro.
Carlos Ríos López foi edil do Grupo Municipal entre 1991 e 1995, con Guillermo Salgueiro como alcalde e tamén desempeñou ou segue a ostentar na actualidade cargos de responsabilidade en asociacións xuvenís, culturais e veciñais. Xunto a Ríos López, integrarán a xestora como vogais, Marcial Sanjurjo Fernández, ex alcalde da localidade e voceiro municipal; María Begoña Gato Blanco, que será a secretaria da agrupación; e as ex edís, María Monserrat López Balsa e María Amalia López Pardo; aos que se suman José Manuel Lamelas Vázquez e Enrique López Losada.
Obxectivo: recuperar a Alcaldía
A presidenta do Partido Popular da provincia de Lugo, Elena Candia, di que a nova xestora “asume a responsabilidade de reactivar a formación para recuperar a Alcaldía de Ourol, logo de preto de tres décadas á fronte do goberno municipal”. Durante sete mandatos, con Guillermo Salgueiro entre o 1987 e 2007 e con Marcial Sanjurjo entre o 2007 e o 2015, o Partido Popular asumiu a responsabilidade de gobernar o Concello de Ourol.
“Agora, cunha agrupación que conta cun importante número de afiliados no municipio, que está a obter moi bos resultados nos sucesivos comicios electorais, iniciamos unha nova etapa na que buscaremos afianzar o número de afiliados e responder aos veciños naquilo que nos pidan ou nos demanden sendo transmisores das necesidades a través do noso grupo municipal”, asegura Candia.
Pola súa banda, o presidente da xestora, Carlos Ríos fai fincapé na “necesidade de que o Partido Popular se poña de novo a funcionar. Os resultados nos últimos comicios xerais e autonómicos son envexables a pesar de non ter unha formación activa ao cen por cento, e se temos os votos e o apoio da xente, debemos ter unha agrupación traballando e funcionando para todos, co principal obxectivo de transmitir as inquietudes dos nosos veciños”.