Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP da Pontenova denuncia que o Concello non ten alcalde

A Pontenova, 1 de decembro de 2016.- O Grupo Municipal do PP da Pontenova denuncia que o Concello non ten alcalde, posto que quen ocupa a praza, o socialista Darío Campos, “está desaparecido”. Os populares sosteñen que, desde que foi nomeado presidente da Deputación de Lugo, A Pontenova está sen alcalde a todos os efectos.

 

O voceiro dos populares, David Álvarez, censura que o rexedor non exerza as súas funcións e non se preocupe “o máis mínimo” por darlle solución aos problemas da veciñanza. “Cada día son máis os veciños e veciñas que nos contan que se achegan ao Concello para falar con el e nunca está”, engaden.

Os populares pensan que se Darío Campos non ten interese en xestionar o Concello da Pontenova “o máis lícito é que lle deixe o posto a outra persoa”. Insisten ademais en que está a Gobernar cun proxecto que leva tempo esgotado, e que agora o está moito máis.

Desde o Grupo Municipal do PP consideran que a Pontenova se merece un alcalde a tempo completo e cun proxecto que permita que a localidade avance e non queda, como xa está, estancada e sen miras nin iniciativas de cara o futuro.

 

Falta total de transparencia

A esta deixadez de funcións por parte do rexedor súmase unha falta total de transparencia por parte do Goberno local. Así, os populares pediron no último Pleno que actualizaran a páxina web para poder controlar a acción do Goberno.

Na actualidade, censuran os populares, a información do portal oficial do Concello non está actualizada, non se poden atopar os decretos de Alcaldía nin información sobre os concursos públicos, polo que non cumpre coa función que lle é propia.

“Dinnos que todo o temos que pedir por escrito a través do secretario, o que non só obstaculiza a nosa labor como oposición, senón que ademais alonxa aso veciños e veciñas da súa administración máis próxima”, engade o voceiro do PP.