Partido Popular de Lugo

Ulla: “Lamentamos a falta de diálogo dos socialistas no desenvolvemento do proxecto do centro de recría polo que non seremos cómplices dos seus erros”

Lugo, 29 de novembro de 2016.- O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo censura a falta de diálogo do Goberno da Deputación á hora de desenvolver o proxecto do Centro de Recría Gaioso Castro e de elaborar o prego para a contratación da concesión da xestión e explotación. O deputado popular, José Ulla, lamentou estar ante un proxecto “que acumulou demoras, incumprimentos e continúa a ter erros no seu expediente de contratación da xestión e do que non seremos cómplices”

 

O Grupo Provincial do Partido Popular asegurou que o actual Goberno da Deputación está a ser vítima dun proxecto que naceu “froito da improvisación que dá a ignorancia” e “engadiu que agardan que saia ben e cumpra coa finalidade pero dende o noso Grupo non queremos ser cómplices dos seus erros”, asegurou Ulla. Esta situación levou aos populares a absterse ante a aprobación do expediente de contratación da xestión e explotación do Centro de Recría. “Non seremos nós quen o parálise, pero non seremos partícipes dos seus erros”.

 

José Ulla lembrou que “estamos ante un dos proxectos estrela de Besteiro, no que se levan destinado máis de 10 millóns de euros dende o ano 2009” e no que segundo o deputado popular “vexo propagada, falta de ideas e improvisación, ademais de moitas demoras”. Así, o popular fixo un repaso polos grandes titulares dos socialistas pero que “hoxe en día non son unha realidade, xa que dende un primeiro momento deberían ter en conta o plan de xestión para non chegar ao sitio no que estamos”.

 

O deputado do Grupo Provincial do Partido Popular lembrou que “nos atopamos con moitos erros neste proxecto”, entre os que enumerou “ a falta dun modelo de xestión, a aprobación dos pregos de xestión en xunta de goberno cando era unha competencia do pleno, a intencionalidade dos socialistas de conseguir unha licenza de actividade cando non había a certificación final de obras, ademais das deficiencias das infraestruturas que non garanten o benestar animal e presentan problemas de bioseguridade”.

 

José Ulla asegurou que dende Grupo popular puxémonos á disposición do Goberno provincial para traballar “en consenso na procura do mellor desenvolvemento posible para esta obra na que se levan investido unha elevada cantidade de diñeiro público”, pero, segundo engade o popular, “desdeñaron a nosa axuda e presentáronnos uns pregos o día antes da celebración da comisión, con moito erros, dos cales algúns fomos corrixindo pouco a pouco”. O popular lamentou esta actitude dos socialistas en precisou que “non seremos cómplices de erros como unha mala redistribución, equilibrio e equidade dos fondos públicos ao limitar a colaboración a aquelas entidades xurídicas con máis cabezas de gando, ou mesmo nos que non se garante a solvencia da empresa adxudicataria”.

 

Estrada LU-170 de Cabreiros a Momán

Os populares votaron a favor da iniciativa do PSOE para o arranxo da estradas LU-170 de Cabreiros a Momán, xa que entenden que é “responsabilidade das administracións manter en bo estado a rede viaria e dos veciños reclamar as mellores condicións nas vías públicas para garantir a seguridade dos seus usuarios”. O Grupo Popular tamén puxo en valor o importante esforzo inversor da Xunta na provincia con máis de 44 millóns de euros e cun investimento por habitante que duplica aos de outras provincias.

 

Neste mesmo senso, dende o Grupo Popular lamentan que os socialistas demanden “esforzos doutras administracións e non cumpran eles mesmos co esixido ao non aceptar a nosa emenda”. O Grupo Provincial do PP solicitou que se execute de xeito inmediato o arranxo da estrada de titularidade da Deputación LU-P-2204, que comunica de Momán á As Pontes a Porto Souto.