Sarria, 29 de novembro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Sarria censura que no Concello existan dúas varas de medir; unha cando se fala dos veciños e outra para tratar aqueles asuntos que lle afectan á alcaldesa, a socialista Pilar López.
Así, o PP explica que se vén de ordenar por parte do equipo de Goberno e a través dun decreto de Alcaldía o desmonte dunha terraza na Rúa Calvo Sotelo, cun amplo dispositivo policial que sorprendeu tanto aos propietarios do local como aos veciños e veciñas que transitaban pola zona.
Os populares consideran que era preciso ter en conta que a instalación podería atoparse en propiedade privada, como os donos indican, e así teñen achegado medición do local, acta notarial e contrato de arrendamento. Pese a todo, o Goberno local decide entrar na propiedade sen autorización xudicial e pola forza e requisa cadeiras e mesas.
Amais do anterior, o titular do negocio solicitara hai catro meses licenza por rexistro do Concello, defendendo a propiedade privada, pero tamén para saber se o Goberno local a consideraba pública e aínda hoxe non se lle ten dado resposta. “O Concello non tivo tempo a responder, pero si lle deu tempo a impor ata dez sancións”, critican.
No lado oposto atópase, indica o PP, o caso da alcaldesa, quen ten feito obras de construción dun muro e movementos de terra presuntamente ilegais, sen licenza en terreos da súa propiedade. “Por se isto fora pouco mentiu na explicación das mesas de forma pública e descarada”, precisan.
Pese a todo, catro meses despois de ter pasado isto, o Concello non paralizou legalmente as obras nin incoou ningún expediente sancionador sobre a súa actuación. Os populares entenden que con esta maneira de actuar a alcaldesa incumpre de forma expresa e clara a Lei do Solo de Galicia e van máis alá.
Posible prevaricación
O Grupo Municipal do PP considera que o Concello de Sarria podería estar a prevaricar en ambos os casos descritos, pero sobre todo o que queda á vista é que existen dúas varas de medir, “unha agresiva que se lle aplica aos veciños e outra branda para a alcaldesa”. Dun lado dez multas, fronte a ningunha advertencia pola construción do muro ilegal.
“Mentres ao veciño lle levantaron a terraza e lle impoñen sancións que poden ser consideradas desproporcionadas, no caso do seu muro nin se lle impoñen sancións, nin existe orde de demolición. Nin tan sequera se ordena a suspensión das obras”, explican.
O PP advirte ademais que este tipo de actuacións ademais de ser sumamente escandaloso tamén podería chegar a ser ilícito ou constitutivo de delito.