Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular lamenta que o Goberno provincial “non teña interese polas residencias e busque bloquear de novo que os centros sexan unha realidade”

Lugo, 29 de novembro de 2016.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, lamentou esta mañá que o Goberno da Deputación de Lugo demostrase “unha vez máis que non ten interese porque as residencias estean en funcionamento e de novo están a entorpecer o funcionamento normal da Deputación para que estes centros sexan unha realidade”.

 

Os socialistas no organismo provincial votaron en contra da iniciativa dos populares sobre que a Deputación materializase a encomenda de xestión a Suplusa para a construción e equipamento das residencias de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín, despois de que volvese de novo ao pleno da institución tras que o Goberno se negase a debatela na última sesión.

 

Candia censura a actitude dos socialistas coa que buscan “empregar a Deputación só para os seus mecanismos de interese, poñendo de novo pólas nas rodas, cambiando de interpretación segundo lles conveña e dicindo pola mañá branco e pola tarde negro”. Pese ao voto en contra dos socialistas, os populares sacaron adiante a iniciativa coa abstención do BNG e o voto ao favor do grupo mixto polo que “estamos satisfeitos xa que conseguimos dar un paso máis para que as residencias sexan unha realidade”.

 

A voceira do Grupo Provincial dos populares quixo lanzarlles unha mensaxe de tranquilidade aos veciños de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín xa que “pese ao lamentable esperpento que se está a dar nesta lexislatura, o grupo que represento, o popular, vaise manter na constancia e na insistencia para que as residencias sexan unha realidade non titulares”.

 

Escusas para non cumprir cos seus compromisos

Elena Candia lembrou que nas reunións celebradas para a aprobación dos orzamentos de 2016, o presidente da institución comprometeuse á construción e equipamento das residencias de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín e “atopámonos que nas contas de Suplusa para o vindeiro ano non figuran”, polo que “consideramos que aprobar esta iniciativa era moi urxente e necesario”. Na sesión plenaria do 29 de marzo aprobarase unha modificación do Orzamento da Deputación para este ano vía suplemento de crédito para transferir a Suplusa un importe de 1.500.000 euros co fin de construír e equipar estes centros de maiores.

 

“Empregando escusas néganse a adquirir este compromiso en pleno”, asegura a popular, ao que engade que “é de xustiza que cumpran coa súa palabra e este grupo non vai pasar por menos”. En relación a ilegalidade da aprobación deste iniciativa os populares argumentan que “dicir que non é competencia do pleno, significa poñer en dúbida o que fixeron os socialistas no 2010, cando aprobaron en pleno a construción e xestión das residencias, poñer en dúbida o seu propio acto, os seus propios acordos, o proxecto estrela de Besteiro, do que parecen non sentirse tan orgullosos, e en base ao que gastaron unha elevadísima cantidade de diñeiro público. Estamos ante unha situación moi fea, ridícula e grotesta”.

 

O descoñecemento do vicepresidente da Deputación

 

Elena Candia tamén lamentou o descoñecemento do vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, sobre o proxecto das residencias. “As súas palabras deixan claro cal é a súa finalidade e o que buscan paralizando as iniciativas dos populares. Primeiro considera a situación ilegal e pasan a nosa moción a rogo, despois votan en contra por considerar que non é competencia do pleno cando aprobaron no 2010 a encomenda en pleno, acto seguido non se lembra desta sesión celebrada hai seis anos e agora que quere cumprir con Becerreá, válelle que o pleno debata sobre as residencias” “Pedímoslle seriedade. Os veciños páganlle por actuar con responsabilidade”, esixe a popular.