Partido Popular de Lugo

A Deputación de Lugo contará, grazas a unha iniciativa do PP, cunha comisión de seguimento e control dos acordos aprobados polo Pleno

Lugo, 29 de novembro de 2016.- A Deputación de Lugo contará, grazas ao PP, cunha comisión de seguimento e control dos acordos aprobados polo pleno da Corporación Provincial. Os populares consideran “necesario” que se constitúa esta comisión ao ter comprobado en reiteradas ocasións que “parte das mocións presentadas e aprobadas polo pleno da Corporación Provincial non son executadas polo equipo de Goberno, ou ben a súa execución se demora máis do acordado, sen que cumpran así a función que lles é propia”.

 

A vicevoceiro popular, Carlos Armesto, explicou que “o cumprimento dos acordos plenarios, ademais de tratarse dunha obriga legal, supón un acto de responsabilidade e de respecto cara aos lucenses, a maior parte dos cales están representados polos Grupos Provincias da oposición”. A iniciativa contou co apoio de todos os grupos da Corporación.

 

O Grupo Provincial do PP, concretamente no período de outubro de 2015 a setembro de 2016, elevou ao pleno un total de 22 mocións. Destas iniciativas, 19 foron aprobadas, 1 quedou sobre a mesa e dúas foron rexeitadas.

 

Dende o PP recordan que das 19 mocións aprobadas, 9 delas saíron adiante por unanimidade e unha decena foron aprobadas por maioría. Os populares lamentan que das 19 iniciativas aprobadas o equipo de Goberno da Deputación non executou 8 delas, das cales 5 foran aprobadas por unanimidade.

 

Armesto precisou que “as mocións que os Grupos Provincias con representación na institución elevan ao Pleno son o instrumento político fundamental co que contan para formular propostas e peticións e sometelas á consideración e aprobación do Pleno e para facer efectiva as funcións de control e orientación política da oposición, cuxo exercicio garante a calidade democrática provincial”.

 

Unha oposición seria, un equipo de goberno irresponsable

Os populares sinalan que “dende o Grupo Provincial Popular esforzámonos para realizar unha oposición seria e construtiva elevando a debate e sometendo a aprobación propostas que resultan beneficiosas para o interese xeral de todas e todos os lucenses, pero lamentablemente o Goberno provincial incumpre de xeito recorrente parte das mocións aprobadas”. Dende o PP recordan que só na presente lexislatura, nos últimos once meses, “o noso grupo presentou un total de vinte e dúas mocións”.

 

Os populares lamentan que gran parte dos acordos plenarios foron incumpridos polo actual equipo de goberno da Deputación e citan algúns exemplos como pode ser “a modificación do regulamento orgánico da Deputación Provincial, unha iniciativa formulada polos populares no mes de novembro de 2015; a iniciativa relativa á xestión por parte da Deputación das rutas fluviais na Ribeira Sacra, formulada polo PP no mes de marzo de 2016; a moción relativa á creación dun ente provincial de turismo, unha iniciativa formulada polo PP no mes de maio de 2016; ou a iniciativa na que se pedía a concesión de subvencións a escolas de música públicas dependentes de concellos da provincia de Lugo, formulada polos populares no mes de xullo de 2016”.

 

Por estas razóns dende o Grupo Provincial Popular consideran “moi necesario” crear esta comisión “co obxectivo fundamental de asegurar o cumprimento das mesmas o que redundará nun mellor funcionamento da institución e na mellora da calidade dos veciños e veciñas de toda a provincia”.

 

Unha comisión con representatividade e convocada mensualmente

Dende o PP propuxeron que a comisión de seguimento dos acordos plenarios estea integrada, ao igual que as comisións informativas, polo presidente da Deputación, que será presidente nato da Comisión; por un vogal de cada un dos grupos políticos con representación na corporación provincial e polos deputados provinciais non adscritos, que terán cada un deles a condición de vogal individual insustituible e indelegable.

 

Os populares propuxeron ademais que á comisión tamén poidan asistir os técnicos da Corporación e que as votacións se desenvolverán polo sistema de voto ponderado, e a ponderación se realizará a un total de 25 votos, o mesmo número que os membros da Corporación.

 

Por último dende o PP solicitouse que a comisión sexa convocada para a súa constitución no prazo máximo de 10 días naturais e que as reunións da mesma teñan carácter mensual fixándose como data para a súa celebración o mesmo día que se celebre Pleno ordinario ás 10:00 horas. Pedirase tamén que “se de conta trimestralmente ao Pleno da Corporación do estado de execución dos acordos plenarios aprobados”, conclúen os populares.

 

Outros acordos

O PP apoiou a aprobación da adxudicación do Premio Otero Pedrayo 2015, así como a subvención directa de carácter excepcional a favor do Club Kayak de Foz para o proxecto Construción de hangar piraguas.