Lugo, 24 de novembro de 2016.- O comité executivo de Novas Xeracións do PP da provincia de Lugo visitará este sábado O Saviñao para coñecer de primeira man a actividade económica que se desenvolve arredor do viño e do sector gandeiro. A presidenta da formación político xuvenil, Rosa Arza, lembra que dende a agrupación “estamos a organizar visitas ás principais fontes de recursos da provincia, a aqueles espazos onde empresarios e emprendedores realizan o seu traballo xerando emprego e riqueza en Lugo”.
Esta visita sectorial inclúe un percorrido, a partir das 10:30 horas, polas instalacións da Abadía da Cova no Saviñao, a primeira bodega en elaborar albariño, fundada no 1958, recoñecida con numerosos premios no sector e que participou activamente para a creación da D.O. Ribeira Sacra. Ás 12:00 horas, os mozos populares tamén percorrerán as instalacións da Sociedade Cooperativa Val de Muíños, formada no Saviñao por tres socios, con 265 cabezas de gando e 160 hectáreas de superficie.
Ademais dos membros da executiva de Novas Xeracións da provincia de Lugo, nesta cita tamén participará o secretario xeral do Partido Popular en Lugo, Carlos Armesto, e Sergio Camiña, secretario xeral de NNXX de Galicia.
Un percorrido pola provincia
Rosa Arza lembra que con estas reunións dende a formación pretenden por en valor as fontes de recursos espalladas ao longo da xeografía, apoiando aos emprendedores e empresarios que “día a día traballan pola nosa provincia”. Os mozos tamén buscan coñecer de preto o que fan e “as necesidades que teñen e tenderlles a man naquelo que podamos ser de axuda”, engade a presidenta provincial.
Dende a formación xa tiveran unha cita co sector pesqueiro en Viveiro, onde fixeran un percorrido polas instalacións do porto, coñeceran a actividade da empresa Puerto de Celeiro e mantiveran unha reunión cos integrantes da Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo, de Celeiro.