Lugo, 23 de novembro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Cervantes trasladará ao vindeiro pleno da corporación un rogo no que lle solicitarán ao Concello que resolva a conexión do alumeado público na zona núcleo de Piornedo “á maior brevidade posible”.
Os populares precisan que levan esta petición dado que o pasado 4 de novembro a Xunta de Goberno da Deputación Provincial aprobou a Addenda de modificación ao Convenio de colaboración, asinado en data 27 de novembro de 2015, entre a institución provincial e o Concello de Cervantes para executar determinadas actuacións no Concello.
Sinalan que “en virtude da devandita addenda inclúese a obra ‘Instalación de alumeado público na zona fora do núcleo, en Piornedo’ financiada por importe de 22.187,40 €, con cargo aos remanentes producidos na licitación das obras inicialmente incluídas e amplíase o prazo de finalización das obras quedando este fixado, en todo caso, para o 31 de decembro de 2016”.
Así, os populares solicitarán que se requira á empresa adxudicataria que levou a cabo as obras de instalación na zona núcleo de Piornedo para que substitúa aqueles puntos de luz que se atopan en mal estado.
O PP avanzou que demandarán ademais que na instalación do alumeado público na zona fóra do núcleo “se utilicen materiais de calidade que garantan o seu correcto funcionamento, para que non se repita o que aconteceu coa interior instalación”.
Deste xeito dende o Grupo Municipal do PP de Cervantes consideran fundamental que se arranxe e finalice “de inmediato” o proxecto de conexión do alumeado público de Piornedo “co fin de garantir un correcto funcionamento e un bo servizo nesta zona do municipio que goza dun enorme valor patrimonial e que é moi visitada durante todo o ano”.
Os populares lamentan a desidia do concelleiro delegado de Obras, Luis Alonso Álvarez, que pese a ser a primeira vez que o Goberno local outorga todas as competencias a un edil para poñerlle un soldo do Concello, nin tan sequera garante a corrección das obras nin supervisa o seu remate, como aconteceu nesta ocasión.