Lugo, 15 de novembro de 2016.-A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación, Elena Candia, considera que o presidente da institución, Darío Campos, “debería primeiro atender as súas competencias, que permitirían o desbloqueo e posta en marcha das residencias públicas no lugar de antepoñer o emprego destes centros unha vez máis como arma de batalla política”.
Tras a xuntanza solicitada polo presidente da institución lucense ao responsable da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; Candia considera que Darío Campos “non está lexitimado para pedir axilidade ao mandatario galego, cando non está a darnos resposta aos trámites que son da súa responsabilidade e que se tornan imprescindibles para que Suplusa poda xestionar os centros de maiores”.
A voceira dos populares na Deputación úrxelle de novo ao presidente da institución que entregue a documentación necesaria para poder inscribir no Rexistro Mercantil as modificacións aprobadas nos estatutos de Suplusa. Este trámite permitirá facer efectivos os novos estatutos e con elo Suplusa terá a función de ser entidade prestadora de servizos sociais, o que permitiría que se desbloquee a parálise á que o Goberno provincial ten sometidas ás residencias públicas.
Aclaración sobre a súa xestión
Candia lembra que no ano 2010, o organismo provincial aprobou “a construción e xestión” das residencias públicas e “anos despois, os socialistas só pensan nestes centros públicos como utensilios políticos” “Seis anos despois Suplusa non pode xestionar estes centros xa que os estatutos non están adaptados a Lei de Servizos Sociais mentres non se proceda a realizar o último trámite de inscrición no Rexistro Mercantil que non podemos levar a cabo ante a falta de documentación que nos debe entregar o presidente”, engade.
Os populares lamentan que "a esta institución só lle interesen as residencias da terceira idade cando poden empregalas como arma de confrontación contra a Xunta, pero non lles preocupan cando teñen que adoptar decisións para poñelas en marcha".