Lugo, 11 de novembro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular e o Grupo Municipal do PP de Lugo anunciaron hoxe que van presentar mocións conxuntas ao Pleno da Deputación e do Concello de Lugo para demandar que a Xunta, a institución Provincial e a municipal colaboren na dotación do equipamento do novo auditorio de Lugo.
Nunha rolda de prensa conxunta ofrecida pola voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, e polo voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, na que tamén estivo a deputada Encarna Amigo, os populares explicaron que a Xunta mantén o seu compromiso de destinar 1,2 millóns de euros a esta dotación. Lamentan que en todo este tempo o Concello de Lugo, gobernado pola socialista Lara Méndez, non tivera vontade algunha para conseguir o financiamento preciso para culminar esta importante infraestrutura cultural para a cidade e a provincia.
Esta actitude de bloqueo do Concello contrasta, indican, coa boa predisposición da Xunta para acometer os traballos de equipamento do auditorio. Así, a Consellería ofrece 1,2 millóns de euros, favorecendo o inicio do seu funcionamento mentres se consigue o resto do financiamento.
Na busca da colaboración
Na iniciativa que presentarán os populares provinciais e os municipais pedirán que o financiamento restante para o equipamento total do auditorio, ata alcanzar os 3,4 millóns de euros, sexa achegado pola Deputación Provincial e o Concello de Lugo.
En concreto, pedirán que nos Orzamentos correspondentes a cada unha das institucións, Xunta, Deputación e Concello se contemplen as partidas necesarias para facerlle fronte a este investimento. Os populares precisan que no plan de inversións do Concello de Lugo figuraba unha partida de 201.000 euros en 2015 e unha de 50.000 euros en 2016 para destinar ao equipamento do auditorio, o que demostra que tiñan en previsión colaborar no seu financiamento.
Recordan tamén que o Goberno galego investiu na construción desta infraestrutura preto de 20 millóns de euros, case o 95% do custo total da obra, ademais dos terreos, o que demostra o “compromiso da Xunta con Lugo e coa súa dotación cultural”, remarcan.
Estratexia global da programación
Na iniciativa popular que rexistrará no Concello de Lugo engádese un punto de acordo no que “se insta ao Goberno local a deseñar unha estratexia global da programación cultural do municipio”. “Hai que ter en conta que dispoñemos de diferentes espazos e que non hai definidos usos específicos para ningún deles por iso, é preciso que se decidan, de forma conxunta, os usos e o contido non só do Auditorio de Magoi ,senón tamén do novo Centro Cultural rehabilitado no vello cárcere, así como o do Auditorio de Frigsa”, explicou Castiñeira.