Partido Popular de Lugo

O PP esíxelle a Campos que agora que presume de aplicar no SAF as melloras logradas polo PP se interese e traballe por mellorar o do 2017

Lugo, 8 de novembro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular esíxelle ao presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, que agora que presume, como fixo hoxe en Lourenzá, de aplicar no SAF as melloras logradas polo PP e introducidas na Ordenanza que rexe o seu funcionamento, se interese e traballe por mellorar o do ano 2017.

 

A voceira do PP na Deputación, Elena Candia, censura que o presidente saque peito cando durante anos o seu partido e o seu Goberno “incumpriron o decreto que regula o Servizo de Axuda no Fogar e as sentenzas sobre o mesmo”.

 

“Hoxe o Señor Campos felicítase en Lourenzá dunhas melloras que el non conseguiu nin propuxo cando sabe que durante anos tivo abandonados aos concellos desta provincia. Non entendemos como non lles cae a cara de vergoña a el e ao seu partido”, engade a popular.

 

Candia recorda que durante anos o seu Grupo demandou que a Deputación de Lugo asumira os custos íntegros do Servizo de Axuda no Fogar, así como a existencia a distribución de fondos aos concellos en base a criterios obxectivos “unha medida que tamén se conseguiu pola presión e iniciativa do PP e non grazas ao traballo do Goberno de Campos, como saben todos os alcaldes desta provincia”, apunta.

 

Tanto é así que foi estando o seu grupo ao fronte da Deputación cando por vez primeira se propuxo un Servizo de Axuda no Fogar equilibrado para todos os concellos. “Á vista está que ata ese momento non foi un tema que os preocupara nin os ocupara e como exemplo só hai que ver as contías que recibía cada municipio”, engade.

 

Os populares consideran unha “provocación e un atrevemento” a visita de hoxe a Lourenzá dun presidente que se apropia do traballo que outros fixeron e do que quere presumir como se fora propia. “Se ata o de agora Lourenzá tivo SAF non foi grazas ao esforzo do Señor Campos nin do seu partido, senón ao traballo do Concello”, incide a popular.

 

Compromiso do PP co benestar

Candia reitera o compromiso do PP co benestar e, neste senso, lembra que estando á fronte da Deputación “traballamos para atender ás reclamacións dos municipios que solicitaban o cumprimento do decreto de servizos sociais, despois de que o anterior goberno provincial se negase a atender maioritariamente o servizo de axuda no fogar”.