Ribadeo, 7 de novembro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo esíxelle ao alcalde da localidade, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, que asuma as súas competencias e traballe na mellora do sistema de abastecemento de auga.
O voceiro dos populares municipais, Jesús López Penabad, censura que a “única acción que emprendeu o Goberno local para mellorar o servizo de auga pasa por botar balóns fóra e culpabilizar á Xunta de Galicia dunha situación cuxa solución é competencia do alcalde”.
Penabad lembra que os ribadenses levan anos sufrindo problemas no servizo de augas derivados do “mal estado das canalizacións pola súa antigüidade, o que ocasiona a miúdo roturas no sistema e cortes reiterados”. Ante esta situación, o voceiro dos populares lamenta que “en 13 anos á fronte do Goberno non fixese nada, nin un estudo, nin un proxecto, pese a que presumen de superávit e de dispor de fondos públicos”.
Os populares entenden que dado o volume da obra “é necesaria a colaboración doutras administracións, e para elo é preciso que o alcalde traballe, se reúna cos responsables doutras institucións e pida financiamento”. Porén, Penabad lamenta que “o único que saiba facer o rexedor é chorar e botarlle a culpa os demais, cando os ribadenses lle pagamos ao Concello polo subministro de auga e ademais lle pagamos ben”. Menos queixas e máis traballo. Escorrer o bulto é ser un mal xestor, un mal alcalde”, engade o voceiro.
Ademais, Penabad demostra que o nacionalista mente á hora de queixarse de que a Xunta abandona Ribadeo e ofrece como exemplo o dato do investimento da administración autonómica na depuradora de Villaselán e no emisario, máis de 20 millóns de euros. “É así como se esquece a Xunta de Ribadeo?”, inquire o popular.
O voceiro do PP recorda que o alcalde avisou que demandará xudicialmente se hai administracións que non cumpren. “Aproveitamos para convidar aos ribadense a aplicar o que el mesmo propón ao ser o máximo responsable do abastecemento da auga”, conclúe.