Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP de Ribadeo lamenta a actitude ‘déspota’ do Goberno local por non convidar á oposición á III Gala do Deporte

Ribadeo, 2 de novembro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Ribadeo lamenta a actitude ‘déspota’ do Goberno local por non ter convidado aos grupos da oposición con representación na Corporación á III Gala do Deporte local que o Concello celebrou o pasado día 30 de outubro.

 

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, asegura que este desprezo aos Grupos da oposición se está a converter nunha práctica demasiado habitual por parte dos nacionalistas. “Cremos que é preciso poñer estes feitos en coñecemento dos nosos veciños e veciñas e denuncialo. O PP tamén estaría orgulloso de premiar o esforzo dos nosos deportistas, pero non fomos convidados a participar”, precisa o voceiro.

 

Así, desde o PP aproveitan para render a súa homenaxe aos 230 rapaces e rapazas de 13 modalidades deportivas (atletismo, automobilismo, baloncesto, billarda, bolos, fútbol sala, fútbol, piragüismo, remo, surf, tiro, tenis de mesa e ximnasia rítmica), cuxo traballo se recoñeceu o pasado día 30. “É unha mágoa que non puideramos facelo ese mesmo día, no que había ata 8 concelleiros do Goberno e nin un só da oposición, pese a representar a boa parte da sociedade de Ribadeo”, censuran.

 

Os populares lembran que outras veces se ten actuado do mesmo xeito desde o Concello, recentemente esquecendo convidar ao PP no acto de recoñecemento da campioa galega de fútbol sala. Desde o Grupo Municipal do PP consideran este xesto do Concello “unha falta de respecto” non só cos servidores públicos, senón cos cidadáns aos que o noso partido representa”.

 

Os populares din que o Concello non conseguirá deste xeito que “presumamos menos, como fai o equipo de Goberno, de ser un referente deportivo, con 40 clubs, 18 escolas municipais e 600 nenos e nenas entre 4 e 14 anos vinculados a algunha disciplina deportiva”.